Opinión

O nome, tamén, fai a cousa

Perdoarasme María que entre no teu terreo pero chamoume moito a atención que o presidente Feixoo no debate da nación atacase o Bloque por usar o topónimo Galiza, no canto de Galicia, para referirse á vosa nación. O argumento segundo o cal a lei di que o nome é Galicia e que por iso non se admiten alternativas é unha mostra máis dos rescaldos do franquismo que seguen ardendo. Eles, neste caso o PP, seguen pensando que a lei está por enriba da democracia. 

Métome no tema porque no noso país temos un caso paradigmático tamén, co topónimo País Valenciano, que creo que pode interesar aos lectores de Nós Diario e Berria. Paradigmático da cerrazón da dereita española, da capacidade manipuladora do españolismo e desta mentalidade franquista que converte a lei nunha barricada.

Castelao xa nos avisou sobre este tipo de personaxes cun comentario certeiro: "non mostredes asombro, porque son cousas do sistema que combatemos e dos tempos en que nos cadrou vivir" 

Cando se debateu o estatuto valenciano a dereita organizou unha gran disputa a conta precisamente do nome. A tradición moderna, e da loita contra o franquismo, era chamarnos País Valencià pero, para rebaixar o seu contido nacional, a dereita empeñouse en defender o vello titulo de Reino. Até que se deron conta de que en realidade este nome era aínda máis separatista e tivéronse que inventar a estupidez de Comunidade -que até o inventor da palabra acabou recoñecendo, anos despois, que era unha parvada.

Pero desde entón, de maneira recorrente e a pesar de que o estatuto se refire aínda en diversas ocasións ao País Valenciano, organízanse cazas de bruxas e espectáculos de circo como o que Feixoo dedicou o outro día a Ana Pontón.

En Sempre en Galiza (que non se titula Sempre en Galicia) Castelao xa nos avisou sobre este tipo de personaxes cun comentario certeiro: "non mostredes asombro, porque son cousas do sistema que combatemos e dos tempos en que nos cadrou vivir." Os que tocou vivir pero tamén, como se ve, os que nos tocou vivir a nós.

Comentarios