Opinión

Nervios electorais

As eleccións do 14 de febreiro caen lonxe, aínda. Mais están moi preto tamén. Caen lonxe porque nunha situación como a actual, coa pandemia condicionándoo todo, poden pasar cousas que da noite para a mañá alteren o que hoxe parece moi sólido, que no caso catalán hai que dicir que é ben pouco. Mais doutra banda as eleccións caen moi preto tamén porque os prazos para conformar as candidaturas esgótanse e, por tanto, todo o mundo ten que correr para fechar os proxectos.

Esta semana, concretamente, Junts per Catalunya decidiu a súa candidata á presidenta da Generalitat, que finalmente será Laura Borràs. A votación destas primarias contou co silencio moi explícito de Puigdemont, que encabezará as listas aínda que a maior parte dos presos e a dirección apostaban por Damià Calvet, candidato que competía con Borràs. Un dato este que, sen dúbida, hai que ter en conta, máis aínda á vista da alta participación que houbo. Esquerra respondeu á decisión de Junts anunciando que Laurà Vilagrà, unha persoa pouco coñecida polo gran público, sería a número dous con Pere Aragonés.

Junts per Catalunya decidiu a súa candidata á Generalitat, que finalmente será Laura Borràs

E onde todo se move é á marxe dos dous partidos grandes. A CUP segue sen aclarar cal será o seu xogo e esta semana a ex alcaldesa de Badalona Dolors Sabater fixo unha proposta para reunir ao redor dos anticapitalistas unha parte máis ampla da esquerda catalá. Sabater ten un gran prestixio pero haberá que ver que pasa cos sempre complicados equilibrios que hai dentro da CUP. Quedan aínda grupos menores como Demòcrates ou Primàries Catalunya, que están a procurar a ver se son capaces de capitalizar o descontento, evidente, que boa parte do independentismo teñen cos dous grandes partidos e que estes días, precisamente, teñen que fechar os seus proxectos.

E se a todo iso se lle suma que pola dereita se esgazaron o PDeCAT e o e PNC, obsérvase unha atomización do voto independentista que, á espera das papeletas, reflicte moito nerviosismo.

Comentarios