Opinión

Eleccións suspendidas

As eleccións catalás previstas para o 14 de febreiro suspendéronse, argumentando que a pandemia as fai inviábeis. Basicamente polo risco sanitario que implican, polo medo a unha alta abstención e porque non saben que facer cos positivos e os contaxiados, que en teoría non poderían votar. Un argumento este último que é para o meu o máis importante, e que xa xerou un gran debate na Galiza, debido a que se abrimos a porta a que o elector teña que cumprir cunha condición outra que a simple cidadanía isto é realmente perigoso.

A decisión tomouse no medio dun gran debate, especialmente pola obstinación do PSOE en realizalas. Cousa que abre un interrogante no sentido de se a xustiza española, tan politizada, podería obrigar aínda a realizalas. Os outros partidos, máis ou menos, están de acordo. Algúns como Junts cren que se poderían facer pero non se opoñen á decisión, outros como a CUP cren que non se teñen que desenvolver pero están de acordo en que debe prevalecer o consenso.

O PSC calculara o golpe de efecto da presentación como candidato de Salvador Illa 

E isto pon de relevo a insensatez do Goberno español e dos socialistas. O PSC calculara o golpe de efecto da presentación como candidato de Salvador Illa pensado nun período máximo de afectación que se esgotaría aos poucos días das eleccións. E agora teme que se nos imos ao mes de maio o efecto Illa xa non sexa tal. 

Tendo en conta que este señor é ministro de Sanidade, a verdade é que custa entender que precisamente sexa o quen desprece o evidente risco sanitario da convocatoria. Pero non deixa de ser isto un exemplo máis de como o Goberno de Pedro Sánchez manobrou sempre pensando máis na política e o partido que na saúde. Primeiro con aquel militarismo ridículo e ineficaz, despois pasando os problemas ás autonomías e agora con isto. 

Un dato final a ter en conta. A diferenza do que pasaba nos vosos países, aquí a lexislatura non se esgotou. Hai eleccións porque a xustiza española decidiu cargarse o presidente da Generalitat. A pesar da pandemia.

Comentarios