Opinión

Buscando un Altsasu

Catorce mozos valencianos foron detidos pola Garda Civil en Pego, na comarca La Marina. Todos están en liberdade pero a un deles impútanlle un delito de odio. Os feitos remóntanse ao 18 de outubro cando un grupo de nazis chegou a esta poboación para seguir un partido de fútbol. La Marina é unha comarca especialmente nacionalista e de esquerdas e a presenza dos nazis era calquera cousa excepto casual. Pasáronse horas provocando até que diversos grupos de mozos reaccionaron e acurraláronos dentro do campo de fútbol, unha vez acabado o partido. A Garda Civil acudiu a sacalos e posteriormente empezou a identificar e a deter os rapaces, durante días, chegando a acusar a un deles de crime de odio. De crime de odio contra os nazis! Curiosamente, ou non, no informe da Garda Civil non se fai ningunha referencia ás provocacións da ultradereita, que chegaron a despregar bandeiras coa esvástica.

Preocupa porque existe a sensación de que alguén está a buscar xerar unha especie de Altsasu valenciano

Días antes, a Garda Civil tamén imputou un delito de odio a tres mozos do barrio de Benimaclet, en Valencia, que protestaban por unha manifestación organizada pola ultradereita en ocasión do 12 de outubro. Os tres rapaces estiveron detidos tres días. Se La Marina é unha das comarcas máis nacionalistas do País Valenciano, Benimaclet pasa por ser o barrio máis nacionalista da cidade de Valencia. Co cal os feitos, encadeados, empezan a ter unha pauta. Até Benimaclet chegaron un grupo de fascistas con bandeiras españolas que percorreron o barrio en formación militar mentres desde os balcóns e a pé de rúa os veciños protestaban contra a súa presenza, consentida e protexida pola policía. E de novo nin un fascista foi detido.

Todo xunto preocupa porque existe a sensación de que alguén está a buscar xerar unha especie de Altsasu valenciano. Xerar unha situación, provocada pola extrema dereita e a garda civil, que permita un escarmento nesta parte do país. Son demasiadas coincidencias.

Comentarios