Opinión

O desenfoque reintegracionista

Un dos motivos que máis me apartan do reintegracionismo é a súa consagración da utilidade como razón principal. A mesma razón precisamente que outros empregan para defender o castelán e o inglés. E parece evidente que nesa competición os que levan as de ganar son estes últimos.

Aínda dando por válida a existencia da lusofonía, o portugués non é unha lingua internacional ou cando menos iso sería discutíbel. O pragmatismo da utilidade non se pode ver reducido ao número. De operar con ese criterio, habería que ter en conta tamén o nivel económico dos usuarios e a influencia do país no que esa lingua é oficial. Se de verdade queremos ser tan positivistas, tamén deberiamos recoñecer que teñen máis peso internacional noventa millóns de falantes de alemán que 200 millóns de brasileiros. E así poderiamos seguir sumando linguas que serían recoñecidas por calquera como máis útiles.

Os poetas nacionais polacos sabían que en cada palabra que usaban do polaco ía a historia da súa nación

Tendo como temos os galegos o castelán tan a man, por non dicir tan enriba, creo que a nosa escolla debe ir preferentemente por outro camiño que non é o da utilidade, nin o da lingua como simple instrumento. Creo que ese camiño é o da familiaridade ou o do xenio da lingua. Como di Steiner, “os idiomas codifican inmemoriais reflexos e xiros de sentimento, relembranzas de actos que transcenden o recordo individual […]. Un foráneo pode dominar un idioma como un xinete doma a súa montura; pero raramente iguala ao que posúe ese movemento de modo indefinido e subterráneo”.

O importante dunha lingua non é o que pode ser traducido, senón o que ten de creación, de contribución propia dunha comunidade.

A lingua reflicte a identidade do país. Os poetas nacionais polacos sabían que en cada palabra que usaban do polaco ía a historia da súa nación. Como di Zagajewski, “quen escribe en polaco ten outros xenes no sangue e na tinta: o afundimento do sistema político no século XVIII, a calamidade das reparticións, a derrota das insurreccións trapalleiras e a fraxilidade da longa existencia teatral do noso país que, sen existir de verdade e en concreto, era só unha quimera, obxecto ora de admiración, ora de desprezo”.

Para un usuario galego o uso dun diminutivo non expresa o mesmo que para un usuario do castelán. Detrás dun autor en castelán está Cervantes. Detrás dun galego está Rosalía, coa súa maneira de expresarse, e está a fala dos seus antepasados. Traballar con ese material, no caso do galego inconcluso e imperfecto pero tamén rico, é un desafío (pode que atractivo) para os que somos creadores nesta lingua. E tamén lle sucede a un músico ou a un cineasta. O seu imaxinario, aquel ao que se remite unha e outra vez, aínda que sexa para contradicilo ou para comparalo con outros, non é o mesmo que para un creador da Meseta ou de Andalucía, onde a paisaxe, as lendas, os mitos e a sensibilidade son diferentes.

Claro que alguén pode defender que esa forma específica de enmarcar historicamente a realidade témola precisamente en común co mundo portugués. Pero permítanme que o dubide. É Brasil comparábel con Galiza? A súa xeografía, sociedade e historia son as mesmas ou parecidas ás nosas? A xeografía rural do Alentejo, as touradas ou os descubrimentos co seu imperio ultramarino, fan que Portugal se asemelle máis a Galiza ou que se cadra se asemelle máis precisamente a España?

Creo que Galiza é un país autónomo, cunha historia o suficientemente antiga e espesa como para defender a súa independencia cultural

Certo que existe mestizaxe, pero existe en varias direccións, ás veces inesperadas. Ás nosas aldeas chegou a habaneira pero non chegou o fado, malia o gran número de emigrados a Lisboa que houbo pola mesma época.

Creo que Galiza é un país autónomo, cunha historia o suficientemente antiga e espesa como para defender a súa independencia cultural. Se entendésemos a lingua só como un vehículo de comunicación estariamos truncando as nosas posibilidades de realización como país.

Non desconsidero a alianza, o diálogo e a aprendizaxe en relación con Portugal. As alianzas son necesarias. Esa por suposto e tamén outras. Velaí está o Galeuska. Enriquecen e poden servir de contrapeso. Pero sen a renuncia á propia soberanía en calquera dos seus aspectos.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios