Opinión

O Seminario de Estudos Galegos, un centenario a celebrar

A Historia da Galiza contemporánea está repleta de iniciativas, de enorme interese, no marco dun proceso consciente de construción nacional. Sobre a produción e ideario patriótico galego do último terzo do s. XIX, a inicios do pasado século XX desenvolveríanse sinerxías varias que darían lugar a diversas institucións galegas de ámbito nacional. Destacaría por volta de 1906 a creación da Real Academia Galega na cidade da Coruña, co apoio decisivo da colectividade galega alén mar e coas figuras de Manuel M. Murguía, Manuel Curros Enríquez e Xosé Fontenla Leal á fronte. Unha década despois nacería igualmente na cidade herculina a Irmandade dos Amigos da Fala, que logo se multiplicaría por todo o territorio galego. Ambas iniciativas serían decisivas para procurar a cooficialidade do galego e o español, elaborando, aliás, unhas normas básicas para a súa escrita.

Ora, a Galiza de inicios do s. XX carecía dunha institución científica que centrara a súa atención no estudo de todas as dimensións desde as que analizar o noso país. Entre o estudantado universitario galego medraban naquel tempo as inquedanzas galeguistas, baixo o proselitismo de profesorado como o catedrático Salvador Cabeza de León, docente da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela; Armando Cotarelo Valledor, catedrático de Lingua e Literatura española igualmente na Universidade compostelá ou Antón Lousada Diéguez, catedrático de Filosofía no ensino medio. Este último impulsaría en Pontevedra no ano 1919 a "Xuntanza de Estudos e Investigacións Históricas e Arqueolóxicas". Unha iniciativa que sería a antesala dunha empresa maior, de ámbito galego e interdisciplinar, nacida apenas catro anos despois.

No outono de 1923 convocaríase unha xuntanza na Casa do Castro de Ortoño, onde se criara Rosalía de Castro, á que concorrerían os alumnos Lois Tobío, Fermín Bouza Brey e Xosé Filgueira Valverde, entre outros, convocados polo profesor Wenceslao Requejo, tal e como ten estudado pormenorizamente Afonso Mato. O primeiro presidente do Seminario de Estudos Galegos (SEG) foi Armando Cotarelo Valledor, substituído por Salvador Cabeza de León a partir do ano 1925 e até 1934; sucedido este por Ramón Otero Pedrayo até 1936.

Nas páxinas de A Nosa Terra saudaríase a iniciativa desde primeira hora, afirmándose no voceiro das Irmandades da Fala que:

"Este Seminario promete ser un centro (...) para o fomento e cultivo non somente da literatura rexional, senon tamén para as cencias históricas e para o desenvolvimento da vida galega nun amplo orde cultural". (A Nosa Terra, 1/12/1923).

A Galiza de inicios do s. XX carecía dunha institución científica que se centrara no estudo de todas as dimensións desde as que analizar o noso país

Internamente o SEG articularíase a partir de doce seccións (desde as Ciencias Sociais ás Ciencias Naturais), coordinadas por figuras centrais da intelectualidade galega daquela altura (Otero Pedrayo, Risco, Cuevillas, Castelao, Xesús Carro, Filgueira Valverde, Lois Tobío ou Luís Iglesias, entre outros), creando no marco das mesmas grupos de traballo. O SEG potenciaría equipas interdisciplinares, das que resultarían traballos de investigación como Terra de Melide, magna obra publicado no ano 1933; organizando actividades conxuntas con investigadores de Portugal, dando lugar, por exemplo, a unha Semana Galega no Porto na primavera de 1935.

Os intelectuais galeguistas que facían parte do SEG viron publicadas a maior parte das súas investigacións nas páxinas de Nós. Boletín mensual da cultura galega, a modo de adianto das súas pesquisas e libros. Destacarían as investigacións referidas á Prehistoria, ao mundo castrexo, ao Patrimonio etnográfico ou á Lingua e Literatura da Galiza. Aliás, no tempo republicano o SEG tería relevo na loita en favor da proclamación da Autonomía de Galiza. Desde a sección de Ciencias Sociais, Xurídicas e Económicas elaboraríase e editaríase o Anteproxecto de Estatuto de Galiza, baixo a autoría de Alexandre Bóveda, Lois Tobío, Ricardo Carvalho Calero, Valentín Paz Andrade e Vicente Risco.

Cen anos após a creación do SEG tórnase necesario lembrar e celebrar con orgullo a produción e significado desta institución, integrándoa no imaxinario histórico de noso e no noso discurso académico.

Comentarios