venres 24/09/21

O rei emérito

Na maneira en que chegou ao trono o rei emérito vese xa unha familia sen escrúpulos que se vendeu a Franco e o mandou cando era novo para que o formasen e educasen na ditadura e asegurar así que os Borbóns seguirían reinando, cando, se lles importase algo o país no que querían mandar, poderían ter ofrecido outra cousa. Para esa familia, España era a finca que querían seguir posuíndo a calquera prezo. Nada novo había nesa actitude: moitos pensaran que Afonso XIII non liscara do país para evitar unha guerra, como dixera, senón porque negociara que os Borbóns volverían logo do rebumbio, cando desaparecese a Segunda República e todo volvese ao rego.

No ámbito internacional había moito empeño en que o que sucedese despois de Franco non estorbase a orde estabelecida. Moito antes de que Franco morrera empezouse a amañar unha España ben mandada que non destacara e que fora peza doada de manexar como conviña aos que argallaban a nivel mundial e decidían o destino das nacións.

A democracia é incompatíbel con que haxa inviolábeis e aforados

Non se quería para nada que resucitase o espírito daquela Segunda República que se propuxera curar “os males de España” sacándoa da inercia e do imperio eclesiástico e oligárquico, nin tampouco que volveran os temidos “separatismos”. O que se quería era aproveitar a pasividade e falta de pensamento e liberdade que inserira moi fondo a ditadura, e que todo seguira igual pero sen o parecer.

Para ese proxecto non conviña que España seguise sendo un país medio proscrito como en tempos de Franco. Tiña que parecer que a ditadura morrera co ditador e había que amañar un país presentábel e moderno. Traer de volta a monarquía, cun rei afábel que falaba ben o inglés e estaba relacionado coas mellores familias reais de Europa, e logo meter o país na Unión Europea, probaría que aquilo era unha nación democrática e respectábel.

Ao primeiro pareceu que todo saíra moi ben, sobre todo co golpe maxistral de que, despois da Transición, viñera un Goberno de esquerda, nada menos que socialista, que probaba o moito que cambiara todo. Pero fallou a peza central do argallo, que era o rei, que empezou a atuar como aqueles aos que nalgún tempo se lles chamaba con desprezo “los reyezuelos africanos”, cobizosos, voraces e indiferentes ao benestar do país no que reinaban. E por que o fixo? Porque sabía que o podía facer con impunidade e que as oligarquías políticas, sociais, económicas e eclesiásticas, que sabían moi ben que Juan Carlos viñera a facer diñeiro, e deseguida, taparíano todo. En moi pouco tempo conseguiu unha fortuna valéndose do oficio de rei que lle pagaban os contribuíntes. E tanta culpa coma el tivérona todos os que o rodearon e permitiron facelo, seguramente en troques de seguir eles coas súas trampas e cobizas.

O oficio dos reis máis modernos é o de facer de representantes oficiais do país que os teña

A democracia é incompatíbel con que haxa inviolábeis e aforados, porque con esa inviolabilidade, e a conseguinte falta de información, o que se protexe e fomenta é a corrupción e o mal vivir. España é un lugar onde moitos entran na política para facer diñeiro, o que non sucede en xeral nos países minimamente democráticos. Que iso sexa o normal demostra que a corrupción e o abuso están instituídos e forman parte do tecido do país, e que España segue sendo un gran teatro no que os gobernos están para tapar a verdade e para que os poucos que traballan de verdade teñan que pagar os luxos dos que non traballan e mandan.

O mínimo que se pode pedir dun rei é que sexa cumpridor e faga o traballo que lle corresponde. Pasados os tempos en que os que chegaban a reis era porque así o decidiran os deuses, ou porque podían comprar territorios ou adquirilos con guerras e pillaxe, o oficio dos reis máis modernos é o de facer de representantes oficiais do país que os teña e atuar con honorabilidade para non deshonrar os habitantes dese país, que son os que lles pagan. O emérito non entendeu nada diso e comportouse dun xeito anacrónico, como un aproveitado ávido e sen escrúpulos que pensa que ten dereito a todo. E tanto terá que veña unha monarquía ou unha república mentres, en lugar de gobernos democráticos, haxa inviolábeis e aforados que podan facer diñeiro rápido.

comentarios