mércores 28/10/20

Por que Galiza non adianta como debía?

Moitos galegos de moitas épocas distintas acabaron pensando que a culpa de que a Galiza non adiantase tiña que ser dos propios galegos, que se conformaban con todo e non loitaban como outros. Será a inmobilidade do país culpa das circunstancias históricas e políticas ou poderá haber algo dentro que o leve por aí?

Adentrarse no camiño de se haberá algo na propia Galiza que a paralice podería ser moi liberador, pero, para que iso teña efecto, habería que renunciar a que todo quede en botar culpas sen facer nada. Para que as cousas saian ben, na vida, no mundo e en calquera oficio ou profesión, hai que corrixir decontado e endereitar o que está torcido.

A única relación que semella ter forza na Galiza é a da familia, e iso vén de moi atrás e non cambiou nunca. Os fillos non se independizan por dentro dos pais e pasan a vida enteira de “fillos”, sen entrar noutras etapas e sen madurecer. Se o único destino posíbel é a familia na que se nace, iso xa cercea a rente a posibilidade e as ganas de facer unha vida propia, porque aprisiona no pasado e non deixa mirar para o futuro. E que só existan relacións obrigadas como son as da familia cría preguiza emocional e sentimentos inmaturos, porque non se cultiva nada nin se aprende nada novo: todo vira automático e maquinal e non hai a creatividade e a visión de futuro que ten que haber en todo.

Na familia galega case non hai nada que sexa animador e dea folgos

Algo de todo isto haino no mundo enteiro, pero o que é distinto na Galiza é que non hai outra cousa e que é mais negativo. Na familia galega case non hai nada que sexa animador e dea folgos. Hai na Galiza unha avaricia de sentimentos que se cultiva nun tipo de familia que exixe moito e dá pouco ou nada, por medo a dar de máis e que non quede todo ben amarrado.

Non hai moito dicíase, como o máis natural do mundo, que había que ter fillos para que logo cuidasen de un, e era tamén o corrente, e se cadra segue séndoo, dicirlles aos fillos o de “eu cuidei de ti e ti tes que cuidar de min”. Ou sexa, que os fillos son dos pais e para os pais; os pais teñen os dereitos todos e os fillos ningún. No fondo de todo iso hai unha crenza, moi arraigada, de que os pais fan un sacrificio traendo os fillos ao mundo e que os fillos lles deben agradecemento eterno, e iso ten que ser a doutrina relixiosa-política que lles meteron na cabeza, para que se aprendera ben aprendido desde o momento de nacer o principio fundamental do sistema autoritario e tiránico: autoridade total sen responsabilidade. Tivo máis influencia a Igrexa na Galiza que noutros sitios, ou unha influencia mais perniciosa? Talvez. Pero o caso é que ese malfacer non se rectificou.

A familia, para que funcione, non pode ser un centro de dominio e sometemento, porque iso amputa as posibilidades de todos

O de que o único que importe é a familia fai que calquera outra relación non se aprecie nin cuide, porque os galegos sentirían que a amizade con alguén de fora sería unha traizón á familia. O de que os galegos estean sempre divididos e que non sexan capaces de poñerse de acordo en nada nin de traballar polo ben común vén da ansia de triunfar e destacar entre os “irmáns” para ver quen leva as glorias ao altar da familia.

Unha familia na que non se deixa que entre nada de fóra, nin sequera amigos, ten que corrixir esa falta de liberdade e de madureza. A familia, para que funcione, non pode ser un centro de dominio e sometemento, porque iso amputa as posibilidades de todos e fai familias amarguradas, inxustas e cheas de resentimento, e sociedades mornas, desconfiadas e sen folgaxe.

A Galiza está mutilada como estaban as mulleres da China cando lles partían os pés para que case non se puideran mover e a dor continua lles quitase o ánimo e a forza, ou como quedan as que lles cortan os xenitais para que non podan sentir gusto ningún. E está pechada na casa como tiveron que estar as mulleres até hai moi pouco e seguen estando en moitas sociedades. En todos eses casos é a familia a que impón esas maneiras de facer as cousas para diminuír e amarrar e que non haxa futuro nin creación. Cambiar esa familia metida para dentro e que atafega por outra con folgos é o que Galiza precisa para saír da inmobilidade e construír o seu futuro independente.

comentarios