Opinión

O verniz das mulleres

Escoitei nas Xornadas de Historia da Pobra unha marabillosa charla de Aurora Marco sobre María Dios Rivademar, pianista, pintora e mestra de Castelao e mais tres mulleres da Pobra e Palmeira, Mª Juana Figueirido Correa, Juana Domínguez Fernández e Teresa Rego Maneiro. Todas apostaron por crearen escolas para educar nenos e nenas do lugar.

Elas catro compartiron unha época escura, traballaron arreo nunha leira de terra dura, que deu froito, pero non recibiron o recoñecemento debido. 

Daquela as cousas ían “avanzando” e xa lles “permitían” ás mulleres estudar, secasí, ese estudo non era máis que un “verniz” para facelas máis presentables, un adobío que sabía dicir algunhas palabras noutras linguas e practicaba artes pictóricas ou musicais que non superaban o límite do pasatempo. Iso explica que, aínda que as primeiras ilustracións de Castelao foron realizadas ao abeiro de María de Dios, durante case un século ningunha biografía se fixo eco do dato. Para os xornais da época, o delas era acompañar a examinárense en Santiago a alumnos que chegarían a homes de prol da Cultura. Para que tres mulleres puidesen ter escola, non chegaba con teren titulacións; sen certificado de moral redactados por cura e alcalde, non había permiso. 

Podiamos pensar que eses tempos pasaran xa, pero non. Para algúns as mulleres debemos ser tan só adornos, porque Ana Peleteiro mola se gaña medallas, pero se pensa e se expresa, é unha negra que por riba é vermella por dentro.

Se a cousa vai de verniz, as mulleres pintamos, e moito!

Comentarios