Opinión

Río cristalino

A miña casa está contornada por ríos, cada un coa súa fervenza, nacida de pequenas presas e canalizacións de muíños. Seducida percorro as ribeiras cubertas por enormes fieitos, mentres leo nas pedras inzadas de musgo a man do home.

Adoito atopar pescantíns que, enfundados nas súas botas de goma, van de corgo en corgo lanzando anzois. Sempre a mesma resposta: as troitas colleron o tren a Madrid. Pero este ano a aldea anda desacougada, as troitas volveron. Os que durante anos protestaron e conseguiron parar as verteduras, fan gala agora de teren a razón. Os demais páganlles as rondas en agradecemento. Hai quen conta emocionado a primeira captura, a adoración de ir vendo como se enchía a cesta e o boas que estaban despois nunha tixolada cun pouco de fariña. Non tardaron as burlas: "Pero comíchela? Serás herexe! Tiñas que ter feito coma Xulio, o de Lola". "E logo que  fixo?" "Pois que viu a troita tan bonita que a levou para a casa nun balde con auga do río.

E, a medida que ía medrando, foina cambiando a recipientes máis grandes. Ao final acabou facéndolle un estanque e en canto volvía de traballar, asubiaba e a troita axexaba, ríndolle as grazas. Levábanse tan ben que a ninguén lle estrañou que o peixiño saíse da auga e se puxese a parolar con Xulio no taller. Seguíao como un can e pola noite volvía ao seu encoro, protestando, pero volvía. A desgraza veu por esperalo sempre na porta, colleuna un coche". "Pois eu aforreime un desgusto", dixo o pescador. "Comina antes de facernos amigos". Eu prefiro miralas bailando ledas entre os reflexos da auga.

Comentarios