Opinión

Sectarismo

Unha realidade nas eleccións do 23 de xullo na Galiza foi que nos lugares de menos renda, que adoitan ser rurais e envellecidos, dominaron os votos ao Partido Popular e a Vox. Penso que isto é debido a que as xentes non teñen un pensamento crítico, non lles interesa afondar nas realidades, servizos sociais, pensións, sanidade ou educación, e quedan tan só co que escoitan e ven en determinados medios. Semella que ata lles molesta que se dean axudas aos máis desfavorecidos. Saben ben, ou deberían sabelo, dos problemas existentes na Galiza pero os seus votos decántanse sempre, ou case sempre, á dereita.

Algúns atrévense a comentar que o problema é Pedro Sánchez, que non lles cae ben. Non se trata de caer ben ou mal senón do que se logrou durante o seu mandato e do perigo real nestas eleccións de que entrara Vox no Goberno. Tampouco Abascal ten que caernos ben ou mal, temos que analizar as súas ideas e valorar se é iso o que desexamos ou se, pola contra, queremos seguir avanzando en dereitos.

Dende a miña perspectiva, de nacionalista de esquerdas, é moi importante que teñamos un Goberno que poña en lugar preferente os dereitos sociais e as políticas de benestar.

Se non sabemos ver a importancia do Estado do Benestar por sectarismo, non imos a ningures.

Hai xente que pensa que o Estado do Benestar caeu do ceo. A sanidade, a educación, as pensións, a Risga, o ingreso mínimo vital, é todo o traballo que fan algúns gobernos para o benestar da cidadanía e hai que sabelo valorar.

Cando precisamos dos servizos sociais, médicos, educativos, etc., dá igual que a persoa que nos estea a atender nos caia ben ou mal, o importante é que o traballador que estea a prestar este servizo faga ben o seu traballo e este estea amparado por unas leis que protexan os dereitos de tódolos cidadáns.

Hai que acabar co sectarismo na sociedade e loitar polo Estado do Benestar.

Comentarios