Opinión

Pensando nun novo libro

A realidade de que cada volta na Galiza a poboación estea máis envellecida fainos chegar a conclusión de que xa non queda xente nova para coidar dos nosos maiores e enfermos.

Hai un tempo as mulleres non se incorporaban ao mercado laboral e eran elas quen se encargaban destes coidados nas familias. Facían un traballo moi importante pero pouco recoñecido tanto económica coma socialmente.

Os tempos mudaron, pero non tanto, pois seguen a ser as mulleres e as mulleres inmigrantes as encargadas de atender a maiores e enfermos nos seus domicilios ou en residencias públicas ou privadas.

Agora este é un traballo remunerado, aínda que o que están a cobrar e as condicións do seu traballo son moi mellorables.

Eu, que estou a recuperarme nunha destas residencias, comecei a matinar neste tema. Estou a tomar notas e a facer gravacións co obxectivo de recompilalo todo nun libro para tratar un tema de suma importancia na sociedade galega.

Os temas que teño pensado incluir serían: “Coidados de maiores e enfermos”, “ O papel da muller nestes coidados”, “O traballo dos inmigrantes”, “Como cubre o actual sistema público as necesidades que require a nosa sociedade”, “SAF e horas adicadas por este servizo as persoas dependentes”, “ Barreiras arquitectónicas e sociais”… polo momento son todas ideas que lle estou a dar voltas na cabeza.

Pensemos que máis pronto ou máis tarde todos nós vamos a precisar de coidados e de persoas que nolos proporcionen.

Pagar unha residencia privada-concertada é prácticamente imposible. A pensión máxima é de 2.400 euros. Unha praza en unha residencia pode custar entre 2.000 e 3.000 euros e a esta cantidad temos que sumarlle os gastos extras dos residentes. As contas son doadas de botar.

As residencias privadas-concertadas terían que pasar a ser públicas e pagar cada residente un precio acorde coa súa pensión. Pensar nos coidados coma un dereito non coma un negocio.

Dende o nacionalismo político temos que abordar este tema seriamente. E máis de chegarmos a gobernar.

Comentarios