Opinión

Felipe González e Alfonso Guerra

Tanto Felipe González coma Alfonso Guerra e os seus acólitos están a facer un traballo sucio contra Pedro Sánchez e os seus compañeiros de partido. Xuntáronse na presentación dun libro de Guerra e dispararon un mísil contra o actual PSOE. Eles dous xa fixeron o seu traballo, gobernaron durante catorce anos, o seu traballo foi recoñecido e valorado no seu momento. Agora tócalles a otros e eles, se non queren apoiar, deberían manterse calados.

Poderían pasar aos textos escolares coma unha xeración que foi quen de instaurar a socialdemocracia no Estado español e ter o recoñecemento de xeración moderna para os que por idade serían os seus netos. Pero se seguen con declaracións coma as actuais pasarán a ser lembrados por estes coma os fundadores do GAL e os representantes do PSOE,  xa xubilados, coma representantes do españolismo máis rancio existente dentro do partido.

Que Guerra e González, vicepresidente e presidente do Goberno socialista dos anos 80 estean dando a entender que parlamentarios do PSOE poderían darlles o seu voto ao PP para facilitar que goberne Feijóo é unha falta de respecto aos seus compañeiros e ao que foi, e aínda está a ser, o seu partido. Este feito a ciudadanía non o debería de pasar por alto e os deputados do PSOE deberían recriminarllo.

Tamén na política hai que saber dar un paso atrás. Niso tivo acerto Fraga cando lle pasou o relevo a Aznar dicindo "Aquí non hai tutelas nin tutías". Gónzalez e Guerra teñen que saber retirarse dignamente, pois canta máis presenza teñen nos medios máis en evidencia se poñen. Semella que queren que recordemos os seus "trapos sucios", caso GAL, "Lei da patada na porta de Corcuera", o ministro do Interior Barrionuevo como membro na súa xuventude do sindicato SEU, de corte falanxista…

A nova xeración do PSOE penso eu que o está a facer mellor que Felipe e Guerra. Son otros tempos e hai que saber actuar según as circunstancias que se dan en cada momento. O PSOE actual demostrou saber pactar para gobernar coas forzas políticas que lle deron o seu apoio. Pactou con Podemos e agora van facelo con Sumar. Ademais, teñen diálogo aberto con Bildu, ERC, Junts, PNV, BNG, e os distintos partidos da oposición e do nacionalismo euskaldún, galego e catalán.

Retirarse a tempo e dignamente é un triunfo. Se non queren ser leais aos compañeiros e o seu propio partido, que non dificulten o labor de entendemento para que estes poidan intentar acadar os votos para gobernar.

Comentarios