Opinión

Rojo y gualdo. Crónicas a propósito

Hai moitas cousas que me chaman a atención da bandeira monárquica do Estado español. A primeira é que xunto a roja sexa gualda, cando todos pensamos que a banda central é amarela. Estiven mirando en internet e gualda é unha planta herbácea (reseda ruteola). A palabra vén do francés antigo. Todo o máis hispano sempre vén de fóra, semellante ao que lle acontece coa familia real xaponesa (divinizada) que segundo B. Anderson no seu libro das Comunidades imaxinadas é de orixe ancestral coreana. O de roxo xa o entendo, polo da selección, o capote e o sangue nos touros, tamén dixeron que a paixón. Unha serie de referentes simbólicos que me xeran bastante indiferenza, algo que non aconteceu cando a xeito de provocación os avións da Patrulla Águila sobrevoaban ameazantes os actos do Dia da Patria. Logo pequenos grupos supoño que protofascistas encarábanse cos manifestantes. Xa falei noutra ocasión da faciana agresiva do nacionalismo español; agora comprobábao in situ

A respecto do nacionalismo español, do que Bilig cualifica como banal, hai algúns elementos de conexión con outros Estados-nación veciños, como Francia e Italia. Despregue de bandeiras en moitos lugares, festas que a homenaxean e mesmo patrullas aéreas que a representan nos desfiles militares. Porén, eu sempre notei unha diferenza (supoño que intencionada), Francia e Italia son repúblicas e os símbolos pertencen aos cidadáns, que coas súas revolucións nacionais impuxeron unha nova orde que implicou certo progreso. En España, pola contra, o retorno do rojo y gualdo fíxose da man dos golpistas do 18 de xullo de 1936. Houbo moita represión baixo a mesma e a constitución do 1978 só retocou o seu escudo central cubríndoo cunha coroa (algo tería que ver o Rei emérito). Por iso, moitos habitantes do Estado español non se senten cómodos con ela, que sempre tivo un tufo orixinario franquista (aínda que tratan de dicir que ven de Carlos III, o italiano) non mellorado nos últimos decenios.

O resultado é que o Reino de España non ten un símbolo común. Tampouco o himno axuda. Máis ben en épocas recentes, un número cada vez maior de cidadáns asócianos a unha iconografía dos fachas, en pulseiras, colgantes, e mesmo máscaras ou bandas incrustadas na roupa deportiva. Agora que a extrema dereita saíu do armario é máis frecuente vela. Poderiamos dicir que non sempre son fascistas os que as levan. Na metade sur do Estado é certo que o jingoísmo español está máis estendido, mesmo resulta transversal de dereita a esquerda. Pero sempre coincide en negar dereitos aos cataláns ou aos vascos, non tanto aos galegos percibidos como máis asimilados desde o século XV. Por iso, as multitudes do Día da Patria asustan e os resultados electorais do BNG tamén. En calquera caso, non hai bandeira nin himno consensual, como non o é a Monarquía, o que xunto con Bélxica marca un sinal de identidade/alteridade do Reino de España.

A provocación do 25 de Xullo, como outras recentes, son a punta do iceberg de algo máis preocupante: o renacemento do fascismo español e o consecuente incremento dos delitos de odio. Son dos que penso que hai unha relación directa entre a demostración agresiva destes símbolos e da ideoloxía que os sustenta, e a criminalización dos inmigrantes pobres. Algúns convertidos en siglas e carteis políticos permitidos. Por suposto, posúen vínculos coas agresións homófobas e gratuítas como a que custou a vida a Samuel na Coruña. Como se dicía, a España una, grande y libre baixo a bandeira roja y gualda segue sen gustar da diversidade nacional, territorial, de aparencia das persoas e sexual. Todos debemos unirnos fronte esta ameaza ou provocación nas distintas formas que adopte.

Para iso, as respostas suaves e intelixentes da galega medallista olímpica Ana Peleteiro camiñan na dirección correcta. Contestou á visita provocadora do líder da extrema dereita española S. Abascal a Galiza na pasada Campaña Electoral, lembrándolle que o  noso país ten moito de verde e que eles sobran. Afirmouse como negra e galega de sempre. Mostra unha nova forma de ser nós mesmos sen límites, competitivos e ante todo tolerantes coa diversidade.

Comentarios