Opinión

Purgas

Moitos escandalizáronse de China e viron con normalidade a quinta purga consecutiva do líder dos conservadores británicos.

Aínda que non son un grande entusiasta das cuestións gramaticais, cada vez atopo maior interese en consultar dicionarios, as palabras e os seus significados. Este mes unha delas, purga, roldoume pola cabeza. Por iso tiña que dedicarlle estes parágrafos. A primeira acepción de purga era "medicina que serve para evacuar o ventre" e a segunda "restos que se eliminan en determinadas operacións industriais". Pero estes significados perderon actualidade, polos propios cambios médicos e produtivos. O que emerxe é o terceiro significado no que me centrarei, "expulsión dos membros, considerados sospeitosos ou indesexables, dunha sociedade, empresa ou partido político". Nun tempo como o presente que combina crises sucesivas, vulnerabilidade de distintas poboacións e sociedade do espectáculo, as purgas convertéronse en novas importantes para narrar os acontecementos. 

Se tes unha recesión económica e unha carencia de modelo de actuación para superala, fai un cambio, purga o liderado. Se a corrupción é difícil de controlar, mostra que tes vontade de atallala cun acto público de degradación. Se a alternativa de goberno non vai, dá un pequeno golpe de man e substitúe os vellos xefes. A crise económico-financeira solucionouse cun endebedamento de millóns de fogares, ao tempo que algúns banqueiros e políticos corruptos purgaban os seus pecados diante das cámaras, con destitucións e poucas penas de cárcere. A Covid-19 foise remontando cun esforzo médico-farmacéutico enorme, e purgando a mobilidade externa das nosas vidas. Na Guerra da Ucraína son constantes as alusións a que Putin, e parte dos rusos, purguen os pecados da agresión comezada no 2014.

Nun tempo como o presente, as purgas convertéronse en novas importantes para narrar os acontecementos

Ademais destas consideracións, o que me animou a escribir das purgas foron dous acontecementos que me lembraron o valor da expresión. O primeiro, a expulsión do antigo dirixente do PC chinés Hu Jintao da presidencia do plenario do congreso do partido, cando supostamente Xi Jinping chamou a un acomodador para sacar o ancián líder da sala. Moi cedo a maioría dos medios occidentais puxeron o grito no ceo para condenar os xeitos autoritarios do réxime chino e a súa propensión a purgar personaxes incómodas. Pode ser, pero as formas foron educadas, e Xi seguramente estaba a mandar unha mensaxe á nación sobre a necesidade de combater con enerxía a corrupción, que agromara no mandato do máis liberal Hu. Así e todo, nada que ver coas purgas da Revolución Cultural das que o pai de Xi e el mesmo foran vítimas. Moitos escandalizáronse de China e viron con normalidade a quinta purga consecutiva do líder dos conservadores británicos. E as formas foron máis feas, de baixo estilo, como comparar a cara da Primeira Ministra en caída cunha leituga. E a City, que é o súmmum do conservadorismo, non dubidou en atacar con rabia a libra para desfacerse de Liz Truss, do renacemento do Thatcherismo, agora que cobrar máis impostos é a nova norma.

Volvemos para preto, Madrid e o Estado Español, onde o paradigma de purga rápida e limpa foi a de Pablo Casado no PP. Unhas declaracións insinuando amiguismo e corrupción na Comunidade de Madrid na radio, e nuns días unha coalición de líderes autonómicos do partido decidiron prescindir de el. Tomaron o poder, como nos putchs clásicos. Eu penso que xa estaban preparados de antes, que o de citar a corrupción en casa propia era unha liña vermella que un dirixente tocado non podía exceder. E apareceu como líder agardado A. Núñez, proclamado en Sevilla, non sen antes recibir a contribución do propio defenestrado en forma de discurso de despedida (cos poderosos sempre hai que estar a ben). No outro gran partido español, as purgas actuais son diferentes, condénase aos cesados ao ostracismo ou a actividades menores como a C. Calvo, Ábalos, I. Redondo, P. Duque e algúns máis. Outro estilo de goberno?

En todo caso, estas reflexións serven para que constatemos tres ideas, como fariamos nun tratado sobre o tema. As purgas que tanto criticamos para o século XX seguen a producirse coa mesma ou máis intensidade. Agora, o importante é a súa faciana de espectáculo: ou se retransmiten, ou pouco interesan. Ademais, son menos cruentas: adoitan servir para desautorizar e destituír alguén, ao que se lle garante un futuro cómodo. Deduzo que Hu, Liz ou Casado manteñen uns elevados estándares de vida a día de hoxe. 

Comentarios