venres 15/10/21

Madrid vai ben

En toda elección hai incerteza, mais os resultados das madrileñas cumpriron co agardado. É humano laiarse duns resultados que non gustan. Tamén o é contar ata dez e encaixar o golpe. Sen entrar en cuestións de fondo coma o triunfo da antropoloxía neoliberal e a derrota do mundo do traballo, a realidade é que a ese polo de atracción de investimento, coñecemento e poboación -vía dumping fiscal e efecto capital- que é Madrid, a España deseñada por Aznar vaille ben.

Madrid é a pedra angular no equilibrio de poderes que conforman o Estado pero, desde que cundiu a vontade de desfacerse dos “separatistas”, aquela cidade non só acumulou máis poder político, cultural e mediático; acumulou, sobre todo, poder económico. Nunca como agora pintou tanto Madrid nese eido. E se non é esa a única causa pola que o catalanismo abrazou o independentismo, seguro que si é unha delas. 

No proceso de aspirado madrileño, que coincide coa concentración de capital que propiciou a financiarización económica global, os territorios próximos esmorecen. Outros, industriais en tempos, como Asturias ou León, palidecen a respecto do que foron. O País Vasco foi quen de resetearse, en boa medida, grazas á autonomía económica da que dispón. O País Valenciano hai tempo que está soliviantado ante a fagocitación que experimenta a súa economía e reclama a súa conexión, a través do corredor mediterráneo, co sur de Francia. Canto a Andalucía ou Estremadura, aparecen coma territorios resignados a unhas cifras de desemprego insultantes. Tamén a malla industrial da Galiza atlántica vive tempos de terceirización low-cost e emigración de mozos formados. En lugares de extenuación demográfica coma Ourense mesmo xorde, de cando en vez, algún cranio privilexiado vendendo as hipotéticas vantaxes do acortamento do tempo de viaxe a Madrid. Pero a mellor proba de que a vida á madrileña é un problema do que cómpre pór terra por medio déunola o ministro de Asuntos Exteriores portugués cando, á hora de explicar as prioridades dese país en materia de alta velocidade, sinalou que antes de unir Lisboa coa urbe do Manzanares era mellor estender a conexión ferroviaria coa Galiza. Por algo será e ben fariamos nós espelindo para non perder ese comboio descendente.
Mesmo coa súa clase traballadora explotada e a súa poboación migrante criminalizada, a Madrid, en conxunto, non lle vai mal. E por iso vota como vota e sente arrepíos de todo o que poña en risco o seu modelo de neoliberalismo cañí. O malestar está fóra de Madrid. A solución tamén.

comentarios