Opinión

Bautista Álvarez, in memoriam

Texto lido na entrega do Premio Moncho Valcarce pola defensa da Terra a Bautista Álvarez no ano 2004 pola Irmandade Moncho Valcarce

As fermosas terras do Carballiño viron nacer e acolleron na súa infancia Bautista Álvarez Domínguez. De mozo, como era frecuente no mundo rural de entón no caso das familias que procuraban uns estudios para os seus fillos, foi enviado ao Seminario de Ourense onde permaneceu nove anos. Pero moitas veces os fillos non fan o que queren os pais e Bautista rematou deixando o Seminario para instalarse no Barco de Valdeorras a dar clases de latín. Alí estivo ano e medio até que marchou a Madrid comezando a carreira de Filosofía e Letras que logo deixou para entrar a traballar co seu irmán nunha empresa de suministros.

Tanto o Seminario como os estudos da Universidade, así como o interese cultural que sempre manifestou Bautista, déronlle un sólido bagaxe intelectual que o levou a tomar contacto con outros mozos galegos de semellantes inquedanzas, creando con eles en 1958 o grupo Brais Pinto, baixo un enfoque cultural que toma corpo como editorial para publicar poesía; agochábase, ao menos nalgunhas persoas desta entidade como Bautista, a intención de dotarse dun instrumento político de loita por unha Galiza de seu. E deste grupo, unha pequena fracción reunida en Madrid, composta por Bautista Álvarez, Méndez Ferrín, e o pintor Reimundo Patiño, crearon a Unión do Pobo Galego (UPG) coa declaración de oito puntos que logo serían reformulados en dez na fundación oficial desta organización ocorrida un 25 de xullo de 1964 en Santiago de Compostela á que Bautista non puido asistir pero á que deu toda a súa aprobación e pasou a ser un destacado membro do seu Cumio, como así chamábaselle á dirección da UPG.

Bautista Álvarez, con outros galegos da diáspora, empezaron a actuar en clave política buscando plataformas legais que cubrisen os seus propósitos políticos. Así en principio, instaláronse  no Centro Galego de Madrid, pero a cantidade de atrancos cos que se viron para desenvolver as súas actividades fíxolles cambiar de lugar para ir a parar ao Club de Amigos da UNESCO, unha institución que se convertería no refuxio das actividades de grupos opositores a ditadura. Nela os galegos, baixo o paraugas do Secretariado de Cultura Galega, reuníanse os domingos para asistir a clases de galego ou escoitar charlas de historia, literatura e outras, pero tamén para falar sobre a problemática de Galiza, sendo Bautista un dos principais animadores daquel Seminario, o que propiciou que moitos estudantes regresasen a Galiza integrados xa na UPG.

Bautista Álvarez, con outros galegos da diáspora, empezaron a actuar en clave política buscando plataformas legais que cubrisen os seus propósitos políticos

 

En 1973  Bautista Álvarez regresa de Madrid para instalarse en Galiza definitivamente e participar de cheo nas loitas que naqueles anos xurdían na Terra como dirixente dunha UPG xa ben estruturada e moi activa. Por fin en Agosto de 1977 a UPG, aínda non recoñecida legalmente, celebra o seu Primeiro Congreso en circunstancias problemáticas que o fan rematar na clandestinidade. Neste Congreso noméase Bautista Álvarez presidente deste Partido recoñecéndolle, así, o prestixio gañado pola súa longa dedicación a Galiza dende a súa militancia na UPG.

Morto Franco iniciada a transición e legalizados os partidos políticos, as formas de loita política mudaron e as institucións cobraron un importante protagonismo. A defensa de Galiza entraba, tamén, no Parlamento. Bautista Álvarez, entón, presentouse como candidato polo BN-PG pola provincia de Ourense nos anos 1977 e 1979, e logo nas Autonómicas no ano 1981 por A Coruña nas listas do BNPG-PSG, ocupando un escano no Parlamento autonómico no periodo 1981-1985. Volve ao parlamento galego en 1990, xa como membro do BNG, e na cuarta lexislatura é nomeado vicesecretario do Parlamento galego, cargo que vai a ocupar dende 1993 a 1997, para logo pasar a ser vicepresidente segundo da mesa do Parlamento dende o ano 1997 ao 2001. Na actualidade segue como deputado participando nas comisións de agricultura e institucional.

Bautista Álvarez, polo tanto, é a historia da UPG, o “partido amigo” como lle chamaba Moncho Valcarce compañeiro de Bautista na AN-PG

 

Bautista Álvarez, polo tanto, é a historia da UPG, o “partido amigo” como lle chamaba Moncho Valcarce compañeiro de Bautista na AN-PG. Partido que representou o nacionalismo máis activo na última década do franquismo na loita pola democracia e por unha Galiza ceibe, aturando por elo a represión brutal de aquel  réxime da que o propio Bautista non foi inmune, de xeito que en 1969 foi detido por nacionalista pola BPS (a macabra brigada político-social) en Madrid nun dos afeitos estados de excepción que de cando en vez ocorríaselle facer ao ditador, pasando un mes na prisión de Carabanchel. Posteriormente xa en Galiza, foi enviado quince días á cadea de Vigo por negarse a pagar unha multa imposta por solidarizarse cos militares xulgados da UMD entre os que se atopaba o galego Fortes. Para rematar detido nunha manifestación de apoio aos obreiros da empresa Massó de Cangas de Morrazo, sendo brutalmente mallado no cuartelillo da garda civil.

A historia de Bautista Álvarez é a historia da coherencia coas súas ideas, da entrega e compromiso con Galiza e co seu pobo, cos dereitos que como nación lle corresponden, que é de xustiza recoñecer.

A IRMANDADE MONCHO VALCARCE FAINO CONCEDÉNDOLLE O PREMIO MONCHO  VALCARCE POLA DEFENSA DA TERRA DO ANO 2004

Comentarios