Opinión

Entre tanta violencia, a música

Deixamos atrás un ano no que a ultradereita protagonizou a niveis internacionais actos violentos con resultados non sempre cuestionados nin condenados. O último acto, recentemente no Brasil, foi o asalto dos bolsonaristas as sedes dos tres poderes lexislativo, executivo e xudicial en Brasilia contra o poder lexítimo e lexitimado de Lula da Silva, presidente electo.

O partido Popular de España, PP, presidido por Núñez Feixoo, que segundo os medios representa a moderación, aproveitou a ocasión para poñer en dúbida a "lexitimidade" de Sánchez como presidente de goberno e a lexitimidade do goberno de coalición. Serán os seus fieis asesores, Cuca Gamarra, secretaria xeral do partido e o señor Miguel Tellado, compañeiro na Xunta de Galiza e trasladado por el a Madrid como imprescindíbel conselleiro, hoxe vicesecretario xeral de Organización do PP e senador nas Cortes Xerais por designación do Parlamento de Galiza desde o 25 de maio de 2022, os portavoces de tales ideas. Núñez Feixoo, tal como ten por costume expresouse de maneira ambigua e declarou "apoio ao pobo brasileiro". Vox, o partido ultradereitista, seguidor de Bolsonaro e socio no goberno do PP de Castela e León non condenou o asalto, optou polo silencio.

Fronte a toda esta inquietante realidade queremos recordar a existencia doutra materialidade.

Queremos salientar que a cultura é unha forma de democracia que axuda a transformar as sociedades e que Galiza participa de dúas grandes tradicións culturais. Por un lado, o seu atlantismo intégranos na tradición musical e cultural dos países celtas: Irlanda, Escocia, Gales, Bretaña, Cornualles, Illa de Man e Galiza. Esta tradición ten manifestacións moi importantes como o Festival Intercéltico de Lorient e o Festival Intercéltico de Ortigueira, espléndidos exemplos da vitalidade das nosas nacións, hoxe nacións sen estado, salvo Irlanda do Norte, pero con gran fortaleza e enerxía, representadas nas súas expresións, neste caso as musicais. E por outro lado, Galiza vinculase, a través da lingua galega, co mundo cultural do lusismo. Convértenos en falantes dunha lingua que, mais alá das súas variantes e diferenzas, falan un 270 millóns de persoas no mundo e nos cinco continentes.

A cultura é unha forma de democracia que axuda a transformar as sociedades e galiza participa de dúas grandes tradicións

Nestas tradicións culturais a música ten un protagonismo moi importante. A música como actividade colectiva que nos educa no traballo en común, no respeto ao protagonismo dos solistas e aos silencios como valor do que virá, a búsquela da harmonía do conxunto, do colectivo. Ensina e fórmanos en democracia.

Vivo nun concello gobernado polo BNG que se esforza todo o ano por alentar a participación de veciños e veciñas en actividades formativas ou de lecer. Pero se algo é destacábel é o traballo xeneroso e voluntario na cultura musical. Existe unha banda xuvenil da que saen profesionais destacados, que dedican parte do seu tempo á Escola de Música de Barro da que sae a Banda de Música Infantil, que máis tarde se integrarán na xuvenil, traballan cos nenos e nenas desde os tres anos.

E como o tempo de Nadal semella ser un tempo de render contas e un tempo de tregua na vida cotiá, a Concellería de Cultura organiza unha serie de concertos nos que participan desde os coros parroquiais até as cantareiras e pandeireteiras, todo realizado coa colaboración dos alumnos e alumnas da Escola de Música. O resultado é reflexo do labor desenvolvido todo o ano.

Porén é duro comprobar que as actuacións das panxoliñas que veñen de certas parroquias raramente utilizan o galego como lingua propia. Non así as pandeireteiras e cantareiras. Agardemos que nas próximas actuacións recollan as tradicións das nosas xentes na súa lingua, conservada secularmente polo noso pobo. A el debémoslle un gran respecto que debe plasmarse na reprodución dos seus cantares e no coidado amoroso das nosas tradicións e da nosa lingua, porque a música é un instrumento de educación social.

Atención compañeiros, atención compañeiras, tócanos a nos arranxar isto: a defensa da nosa cultura musical e lingüística sen concesións.

Comentarios