O persoal é político

O feminismo dos anos 70, terceira onda, acuñou un lema moi importante e de consecuencias imprevisíbeis: o persoal é político. C. Hanisch e K. Miller defenderon que o patriarcado é histórico e cultural, dando orixe ao nexo entre o persoal e as estruturas sociais e políticas. Problemas como o de visibilizar a violencia sexual contra as mulleres ou o da conciliación, partillar a responsabilidade dos coidados, antes carga exclusiva das mulleres, son algunhas das conquistas acadadas grazas ao lema citado.

Os casos do cru e vulgar machismo que coñecemos estes días, Ábalos, Santos Cerdán e Koldo, veñen probar unha vez máis que o privado é público. A inmoralidade no persoal cristaliza no público. Non é posíbel un comportamento de ética pública se no persoal, no privado, non hai ética.

Na Galiza verificámolo no caso do ex conselleiro do Mar, A. Vilares. Nel próbase a conivencia do "persoal co político". Non é un problema da vida privada e persoal do conselleiro. É o problema de ética pública dun gobernante. O presidente Rueda, cinco meses máis tarde de coñecer os feitos, sen remordemento nin vergoña, apoia o seu conselleiro, porque sucede a posíbel agresión sexual na vida privada. Rueda non só esquece a vítima senón que apoia publicamente Vilares e agarda "recuperalo cedo para a vida pública".

Casos públicos, resultado de rachar as limitacións impostas polo patriarcado, reservándose espazos opacos, non transparentes como propios.

Na situación na que estamos a vivir de "globalización do medo" (Máriam Martínez-Bascuñán) non podemos ceder ao desanimo. O medo non debe levarnos a asumir a chantaxe ou a trampa do abandono dunha actitude activa contra a perda de confianza na resposta cívica. Nin medo, nin perda de confianza poden levarnos a non responder politicamente.

Hai organizacións políticas que non son corruptas, nin tiveron casos de corrupción. Ana Pontón nos medios de comunicación estatais sostivo que unha organización como o BNG, nos 40 anos de vida política, non tivo ningún caso de corrupción.

Mais si coñecemos o traballo dunha militancia que se esforza diariamente por mellorar a vida das xentes de Galiza. Entregando o seu tempo e esforzos sen compensación económica, pero si coa conciencia do traballo a prol do seu pobo.

Os gregos afirman: "Ser político é pertencer á polis". É ser animal social identificarse co ben público e rexeitar o individualismo.

Comentarios