O cinismo político do PP
O triunfalismo do congreso do PP e do candidato, hoxe sen rival, contrasta coa preocupación da poboación do Estado español.
Apostan, inicialmente, Feixoo e o PP por un goberno de maioría. Maioría que as contas non dan, si para gobernar con Vox. Vox extrema posicións prevendo un obrigado pacto da dereita e así negociar.
Galiza é o espello no que se miran. Na Galiza experimentan. Rueda foi un político asesor de Feixoo durante 15 anos. Controlou dende as sombras a política españolista e de dereitas do seu xefe. Agora, actúa sen careta e sen límite como gobernante.
Hai temas claves. Un é o da inmigración. Aquí están a favor e din que "as empresas necesitan man de obra". Emprego precario en servizos, agro, construción e mar. Pero o Estado dificulta os permisos de traballo. Así, unha das transferencias primeiras pedidas é a do permiso de traballo para estranxeiros. A primeira foi a competencia sobre o litoral. Medo e desconfianza dan. Despois de 15 anos de goberno do PP sen solicitar ningunha.
Mais no relatorio de Feixoo no congreso figura que "recibir prestacións asistencias os inmigrantes non pode xerar dereito de residencia". Desliga o empadroamento do acceso de inmigrantes en situación irregular a prestacións económicas non contributivas. E afirma Rueda que "por visión de país, hai que traer talento foráneo". Mentres, do 2009 a 2023 migraron 443. 252 galegos e galegas (X. Ferreiro). E non deberían ter saído.
Ademais, o plan "Estrategia Retorna", con axudas económicas e traballo, foi ampliado no 2024 a 1.150 familias para 150 concellos. Fano rendible non só en votos. Non integran en galego. Atrévese a dicir Valentín García que "baixa o emprego do galego pola inmigración". Entre 2018 e 2024 benefícianse das axudas unhas 5.400 familias, unhas 20 mil persoas. A Xunta experta en subvencións fai rendible electoralmente esta situación.
Outro tema é a política lingüística. Feixoo propón unha lei de linguas, "blindando o uso da lingua común… Para que todos os nenos poidan ser educados no español". Afirma que "hai que garantir o ensino no noso idioma común respectando todas as linguas cooficiais e o equilibrio e cordialidade".
O Decreto de Plurilingüismo de 2010 demostra perda de falantes sobre todo na mocidade. Rueda, mentres vota a favor da oficialidade do galego na UE, no Parlamento galego oponse a que se aprobe o seu uso no Parlamento da UE.
É cinismo político.