Opinión

Tentación da conspiración

Esta semana foi noticia –esaxerada contra o independentismo– a existencia dunha minoría de persoas que rebentaron o acto en homenaxe ás vítimas do atentado xijadista en Barcelona considerando que este foi un exemplo de terrorismo de Estado. Sen excluír a necesidade dunha Comisión de Investigación que aclare as posibles neglixencias e as actuacións do CNI a respecto de Catalunya nos últimos anos, existe unha compoñente de conspiranoia.

O recurso ás conspiracións para comprender a realidade e actuar politicamente nela é transversal a ideoloxías e soe responder a dúas cousas: vontade de desestabilizar ou tombar determinada orde ou incapacidade para analizar e confrontar a complexidade da realidade.

No primeiro caso, as teorías da conspiración da contorna do trumpismo nos Estados Unidos, compoñente fundamental do asalto ao Capitolio en 2021.

No segundo, o recurso de determinada esquerda a complots orquestrados por poderes na sombra, que reducen a maquinacións de xente malvada as complexidades do sistema capitalista ou dos aparatos de Estado. 

Estudalas e comprendelas é o necesario para destruílas, non encomendarse ao pensamento máxico.

Crer no que "encaixa"  ou no que "cadra" coas nosas visións do mundo, renunciando a afondar nos feitos, na búsca de probas, é contribuír a socavar as democracias.

A actualidade dá pé ao "conspiracionismo", tanto pola difusión masiva de novas como obxecto de consumo como pola situación de confronto internacional entre bloques que ten na guerra da información e desinformación un factor de desestabilización.

A pandemia –cos seus ingredientes de medo e incerteza– foi terreo abonado para múltiples teorías rocambolescas de dominio mundial e que mesmo motivaron situacións complexas de axitación social para estados coma Francia ou Canadá.

Os antídotos son a esixencia de mecanismos de transparencia ás institucións e gobernos, xornalismo independente e vontade de exercer o pensamento crítico fronte a comodidade intelectual.

Comentarios