Opinión

Baixo o cascallo

Falaban árabe e tiñan medo, porque Mariam e Ilaaf, eses son os seus nomes, pequenas irmás, quedaran atrapadas no cascallo dun edificio derruído polo terremoto na zona fronteiriza entre Siria e Turquía. E nesa indefensión alguén decidiu facer circular o vídeo do rescate indicando que a nena maior sinalaba que se as sacaban de alí, serían as súas "escravas".

Tropecentasmil vistas, emoción desbordada, cli clic clic, obxectivo conseguido. 

Ela non dicía tal cousa, senón que se trata dunha expresión siria que se utiliza para amosar agradecemento, como sinalaron persoas expertas en linguas árabes. 

Pero, unha e outra vez, o noso mundo "viral" sitúa as vítimas de traxedias como obxectos de consumo emocional, para as que, ademais, as fronteiras entre ter dignidade no tratamento de vítima de guerra ou desastre natural adoiten coincidir coas fronteiras políticas e económicas.

E isto vale tanto para os poderemos como para a xente de a pé que discrimina as dores das persoas en función do cariz ideolóxico que atribúe ao Estado onde se producen.

O terremoto deixou a descuberto a inxustiza dun mundo no que un movemento sísmico provoca máis ou menos morte ou sufrimento en función do paralelo e, no propio territorio, a diferenza entre sobrevivir ou perecer dáse tendo en conta a posición social que determinou vivir nun edificio ben construído ou en inmobles precarios -unido á falta de 
controis urbanísticos-.

As vítimas turcas, kurdas, sirias... contemplan a falta de medios dos seus respectivos estados e a imposibilidade global de respostas máis rápidas e conxuntas propias da Humanidade do século XXI.

Impotencia ante a catástrofe e rabia pola explotación da dor allea sentimos dende a comodidade dos nosos escritorios. E escoito dicir a un veciño a conta dos noticiarios: "A que andar facendo guerras se chega coas cousas que pasan!". Agora fican milleiros de vidas baixo os cascallos, non só provocados pola destrución sísmica, senón tamén 
pola desigualdade.

Comentarios