Opinión

Permiso para a dignidade, señor xuíz?

O caso da Maruxaina adquire unha nova dimensión. Á antiga denuncia de vídeos de mulleres ouriñando nas rúas na data da multitudinaria festa súmanse agora vídeos explícitos de parellas mantendo relacións sexuais na praia de San Cibrao esa mesma noite. As gravacións, de primeira calidade, fixéronse a escasos metros das parellas, utilizando cámaras de visión nocturna. Nalgún caso ata se pode ver como unha das persoas que estaba a gravar chega a tocar a perna dunha das mulleres. Os vídeos foron atopados en páxinas web porno, tal como ocorreu coas anteriores gravacións.

A nova, lonxe de sorprender, deixa en evidencia o que para nós é máis que evidente: que as imaxes íntimas de mulleres expostas nas páxinas porno excitan non pola nudez destas mulleres, senón pola falla de consentimento. O sometemento, a violencia crúa, a sensación de superioridade na forza son as máximas dun porno ideado por e para os homes. O feito de que un dos que estaba a gravar se sentira co dereito de tocar o corpo dunha muller que non sabe o que está a pasar é o exemplo perfecto da morbosidade mal entendida. Hai quen non quere ver o machismo estrutural do porno, mais son homes maioritariamente os que ven páxinas porno.

Cando negamos o dano que fai este porno estamos dilapidando os dereitos de miles de mulleres que, directa ou indirectamente, reciben violencia.

Dende o OMI denunciamos rotundamente estas gravacións e esiximos o dereito ao esquecemento en internet para as vítimas. Que os vídeos non sexan accesibles, que se persiga verdadeiramente a quen atenta contra a integridade destas persoas. Que a xustiza adquira unha perspectiva feminista máis que necesaria. Por parte da sociedade, empatía e anoxo a partes iguais. Precisamos dunha educación afectiva e sexual feminista, na cal o respecto á intimidade das persoas sexa un obxectivo claro. Amosamos todo o noso apoio e forza para as compañeiras que están a denunciar o roubo da súa integridade. Estamos con vós.

Comentarios