Opinión

Consolidar o avance do nacionalismo, para unha nova Galiza

Un País novo, libre e próspero. Esa é a razón de ser do movemento nacionalista galego. De facto, o nacionalismo xorde por simple necesidade, porque o pobo galego precisa de instrumentos políticos de autodefensa e para a construción dun futuro diferente, de benestar e de liberdade. A ese obxectivo, o dunha Galiza libre, mantívose fiel o movemento nacionalista ao longo de máis de 100 anos, con acertos e con erros, como toda obra humana, mais sempre coa consciencia de que a tarefa emprendida, para culminar con éxito, precisa concitar o apoio maioritario dos galegos e galegas.

Fortalecer o nacionalismo é, pois, un deber fundamental, mesmo para poder enfrontar en mellores condicións a situación de crise social e económica do noso País e as consecuencias sociais negativas das políticas que están a desenvolver os Gobernos español e galego.

Pór fin ao espolio dos nosos recursos, promover o benestar sobre a base do desenvolvemento das potencialidades económicas do noso País, garantir emprego, vivenda e dereitos básicos, asegurar servizos públicos de calidade, acabar coa emigración e dar futuro á nosa mocidade, defender a igualdade real, normalizar a lingua, impulsar un ensino público de calidade no noso idioma, propiciar o desenvolvemento da nosa cultura, preservar o territorio e implementar políticas ambientais adecuadas á necesidades presentes e futuras, son todas elas tarefas prementes que exixen máis forza e máis capacidade de acción.

O nacionalismo que encarna no ámbito político o BNG ten avanzado de forma significativa nos últimos tempos, cun traballo constante de defensa do noso pobo e cun proxecto coherentemente soberanista. Fíxoo, aliás, superando inúmeras dificultades e obtendo un crecente apoio nos últimos procesos electorais: municipais, eropeas, xerais -coa recuperación da representación no Congreso- e particularmente nas galegas, en que as candidaturas lideradas pola compañeira Ana Pontón obtiveron 19 deputados e deputadas e situaron o BNG como segunda forza política. É, sen dúbida, unha magnífica posición que abre grandes oportunidades. Mais non hai nada feito, é preciso continuar a traballar com determinación para consolidar eses apoios e gañar outros novos.

A próxima Asemblea Nacional do BNG é máis unha oportunidade para impulsar o proceso de avance social do nacionalismo, definindo as liñas de traballo máis adecuadas para enfrontar o ciclo político que comeza e, aínda, para escoller o equipo que debe dirixir ese proceso. E, desde o respecto ás decisións persoais da nosa Portavoz Nacional, fica claro que a compañeira Ana Pontón -que veu encabezando nos últimos cinco anos a dirección nacionalista con grandísimo acerto- é a persoa máis adecuada para seguir a exercer esa función. Se, como esperamos e confiamos, a reflexión persoal que abriu sobre o seu papel conclúe coa disposición a continuar, teño a certeza de que conta coa unanimidade da militancia do BNG para dirixir esta nova etapa en que haberá que asumir grandes desafíos. 

Pensemos só que, ademais dos obxectivos sociais importantísmos que temos por diante, neste período decorrerán unhas elección municipais en que o reto é reforzar a presenza nacionalista por todo o País, con máis concelleiros e concelleiras e máis alcadías do BNG; unhas eleccións xerais que temos que aproveitar para fortalecer a voz galega en Madrid cunha máis ampla representación; unhas eleccións europeas que serán a oportunidade para gañar capacidade de intervención no Parlamento Europeo, e concluirá cunhas novas eleccións galegas que teñen que ser un punto de inflexión na historia deste País, en que non só derrotemos o Partido Popular, senón que por primeira vez teñamos unha Xunta liderada polo BNG que comece a actuar como o Goberno que a nación galega merece e necesita.

Precisamos un Goberno nacionalista para iniciar un novo rumbo, para comezar a reverter a dramática situación do noso País; para frear o espolio; para desenvolver políticas para as maiorías sociais; para alargar as posibilidades de autogoberno, asumindo todas as competencias e colocando sobre a mesa un novo marco xurídico-político que recoñeza a Galiza como nación e blinde a súa capacidade de decidir... Para termos, en definitiva un Goberno galego ao servizo do País e das clases populares, un Goberno que nos permita avanzar de verdade no camiño do progreso, do benestar e da liberdade.

Esta é a grande tarefa colectiva que temos pola frente, unha tarefa que precisa de todas e de todos nós. Somos conscientes da grande responsabilidade que representa e de que para culminala con éxito precisamos xuntar cada vez máis pobo detrás do nacionalismo até conquistarmos a hexemonía social. Mais, como dicía Castelao, temos fe no noso pobo e, aínda, confianza na capacidade dunha organización cohesionada e determinada a alcanzar os seus obxectivos.

Comentarios