Opinión

'Union workers'

Nunca foi de todo amigable a relación da clase obreira co poder nun dos estados da terra cun desenvolvemento ultra-capitalista mellor garantido e un dos deseños institucionais máis oligárquicos nos niveis superiores da administración.

Tamén é certo que sindicalismo e movemento obreiro pasaron alí por altibaixos sendo, nas últimas décadas, a historia dun devalo continuado que repercutiu no deplorable marco xeral de relacións laborais establecido para millóns: a porcentaxe de asalariados organizados pasou dun 20% no 1983 ao 10% nos últimos tempos aínda estando ben estudada e constatada –polo FMI– a relación directa entre porcentaxe de afiliación e redución da desigualdade salarial, entre outras melloras.

E por isto foi simbólico que, a un ano das eleccións presidenciais e despois de que no 2022 Joe Biden prohibise unha folga nos ferrocarrís enfrontándose ás organizacións obreiras, escenificase agora apoio nunha etapa de reorganización e auxe sindical en distintos sectores produtivos.

Puidera entenderse que hai correntes da actividade socio-económica dos EUA que apostan por unha certa "europeización"; en Europa os síntomas, pola contra, son dunha viraxe inversa: no mesmo día no que os telexornais amosaban ao "emperador" arengando a union workers sucedíase unha reportaxe sobre asentamentos de ocupados portugueses malvivindo en tendas de campaña. Facía poucas horas que Grecia decretara a xornada laboral de 13 horas até seis días semanais, contemplando severas penas para folguistas. Case á vez Syriza escollía novo líder nun ex executivo de Goldman Sachs.

O fabuloso golpe xeo-económico ao corazón da UE evidénciase metaforicamente –megáfono en man– no aniversario da "misteriosa" explosión do Nord Stream, que expulsa industria xermana cara a América do Norte na procura de prezos razoables. Ao tempo Canadá desculpábase por honrar ás Waffen-SS xunto ao novo banderismo ucraíno sostido polo mundo libre: soterradas guerras continúan, e Sacco&Vanzetti soñan coa terra prometida.

Comentarios