Opinión

Cadea de mando

A ex presidenta da Cámara de Representantes dos EUA –a demócrata Nancy Pelosi– vén de acusar publicamente a Vladimir Putin de financiar as protestas pro-palestinas, solicitando ao FBI iniciar unha investigación. Para ela, un "alto o fogo" en Gaza é o que lle gustaría ver ao presidente ruso. Comprobamos ademais como un senador estadounidense sometía a un terceiro grao de reminiscencia macartista ao CEO de TikTok: —É cidadán chinés? —Non, son de Singapur. —Pediu a cidadanía chinesa? —Non, son de Singapur. —Foi membro do PCChino? —Non, son de Singapur! 

Putin, comunismo chinés e o binomio islamo-terrorista empréganse profusamente como o anatema arreboladizo preferido polo poder e os seus altofalantes contra todo aquilo que non controlan no xardín occidental. Mentres se consuma a espantosa limpeza étnica e o borrado planificado do pobo semita, non dubidan en cualificar de antisemita a quen erga a voz contra a barbarie. Titulares como: "El BNG se alió con la eurodiputada espía de Putin", "Pedro Sánchez se ha embarcado en la nueva guerra fría en el bando equivocado: con Irán, Rusia o el Grupo de Puebla", "El ministro Urtasun y la política acusada de espiar para Putin se aliaron contra la 'represión' de Rajoy en Cataluña" ou "Los vínculos abertzales de la eurodiputada y presunta espía rusa ligada al independentismo catalán" poden lerse a cotío. Coñece ben o mecanismo Paula Prado (PPdeG), á cal hai que agradecerlle a revelación dunha conspirativa e coordinada trama de bots ruso-chineses e filipinos espallando fake news contra a Xunta de Galicia, ese partido-institución que se presenta contra forzas políticas que pretenden politizar a política da Arcadia Feliz que funciona. Unha tenebrosa man –o Kremlin– atoparíase tralo "ataque desapiadado a Galiza".

Vén de vencer o Sinn Féin norirlandés; os inquéritos apuntan a que EH Bildu podería facelo en Euskadi. Rebelémonos aquí contra a estúpida "cadea de mando" e por unha primavera dos pobos. Contra tanta indecencia: é Agora!

Comentarios