Opinión

Viaxe a Palestina (2)

Palestina. Pelesheth. Philistia. Palastu. Pilishta. Territorio de grande importancia estratéxica, pois é a pasaxe entre a África e a Ásia, con fronteira occidental que é o Mar Mediterráneo, sendo a oriental o deserto de Siria ou de Arabia, a do norte o río Litani (Nahr el-Lîtâîn) e a do sur o deserto da Península de Sinaí.

Palestina. Pelesheth. Philistia. Palastu. Pilishta. Territorio de grande importancia estratéxica, pois é a pasaxe entre a África e a Ásia, con fronteira occidental que é o Mar Mediterráneo, sendo a oriental o deserto de Siria ou de Arabia, a do norte o río Litani (Nahr el-Lîtâîn) e a do sur o deserto da Península de Sinaí. O nome “Palestina”, o actual, e universal, procede do tempo dos gregos e, dende a creación do Estado de Israel no ano 1948, o sionismo político teima en denominar o país “Eretz Israel” (“Terra de Israel”). Estándomos precisamente na cidade de Ramala, capital da Palestina e sede provisional do Goberno da Autoridade Nacional Palestina, eu tiven a ocasión de lembrar nun acto público a Carta que o 2 de decembro de 1948 un grupo de personalidades xudeas publica no New York Times. Entre os asinantes da Carta (29 nomes, exactamente) figuran, entre outros, o Premio Nobel de Física Albert Einstein, a filósofa Hannah Arendt (alumna no seu día de Heidegger) e o compositor Stefan Wolpe. Pois ben, en dita Carta —e isto é historia pura— os científicos, intelectuais e artistas xudeus afirman (cito textualmente) que “entre os fenómenos políticos máis inquietantes da nosa época temos, no Estado de nova creación de Israel, a aparición do “Partido da Liberdade”, un partido político cun enorme parecido en canto organización, métodos, filosofía política e formulacións sociais, aos partidos nazi e fascista”. Iso afirman. E engaden, no final da Carta —despois de cualificar as accións do sionismo político como unha mestura de “ultra nacionalismo, misticismo relixioso e superioridade racial”—, que os asinantes da mesma recomendan non apoiar tal “manifestación de fascismo”.

"Noam Chomsky, personalidade mundial de orixe xudea, definiu Gaza (un millón e medio de persoas) como “o maior cárcere do mundo ao ar libre”

Iso era no ano 1948. E no ano 2015, non hai moitos días —estábamos agora os viaxeiros en Xerusalén—, o primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, non dubidou en afirmar (por primeira vez na recente historia) que a morte do bebé palestino Alí Saad Dawabsheh a mans de colonos israelís (cando o cronista escribe isto xa se coñece tamén a morte do seu pai e da súa nai, todos eles queimados vivos e calcinados na súa propia casa) era un “claro ataque terrorista”. E tanto o cónsul dos EE. UU. en Xerusalén, Donald Blome, como o enviado especial da ONU para o Oriente Próximo, Nickolay Mladenov, utilizaron a expresión, para se referir aos colonos sionistas asasinos, de “crime terrorista”. ¿Que terán que dicir a isto hoxe os defensores acríticos e deshumanizados de todo canto atinxa a Israel?

Na cidade palestina de Belén, nove quilómetros ao sur de Xerusalén e situada nos montes de Xudea, a delegación de escritores e intelectuais españois, rusos e árabes, foi recibida por Vera Baboun (outra alcaldesa, fíxense), vencedora nas últimas eleccións municipais á fronte dunha lista de Al Fatah. Aínda que a muller na Palestina só supón un 15 por cento da forza laboral fóra da casa, tamén é certo que a súa presenza na vida pública foi medrando de xeito moi considerábel nos últimos anos. E tanto é así que nos últimos comicios municipais (2012) na cidade de Hebrón e no pequeno pobo de Saffa só se presentaron por primeira vez listas formadas unicamente por mulleres. Reparemos nisto.

A delegación de escritores e escritoras e intelectuais —con importante presenza rusa, como xa temos dito— tamén visitou a cidade de Nazaret e de Acre, e nesta última, fronte ao mar, xa entrada a noite, demos conta, como diría Manuel María, dun peixe ben “competente”. No seu conxunto, a terra de Palestina ofrece aos viaxeiros diversas tonalidades físicas e paisaxísticas, xunto a contrastes notorios. Xericó, por exemplo, na Cisxordania, é a cidade habitada máis antiga do mundo, con máis de 10.000 anos de existencia, e ofrécenos unha interesante gama de verdes que salientan no seu centro sobre a soidade amarela da terra. A “cidade das palmeiras” —así a describe a Biblia— está situada practicamente á beira do río Xordán e só a 6 quilómetros do Mar Morto, e está emprazada (pura nota de asombro) a 240 metros por debaixo do nivel do mar.

"José Saramago, despois de se entrevistar con Yasser Arafat, afirmou, non sen grande polémica posterior, que o que acontece en Palestina “é un crime que podemos comparar co que aconteceu en Auschwitz”.

Mais estándomos en Palestina, terra sempre entrañábel, un ten sempre presente a “franxa” de Gaza e os seus habitantes. Noam Chomsky, personalidade mundial de orixe xudea, definiu Gaza (un millón e medio de persoas) como “o maior cárcere do mundo ao ar libre” e o Premio Nobel de Literatura José Saramago, despois de se entrevistar con Yasser Arafat, afirmou, non sen grande polémica posterior, que o que acontece en Palestina “é un crime que podemos comparar co que aconteceu en Auschwitz”. Xulguen vostedes. O escritor israelí Amos Oz, posicionado contra o sionismo político, declarou que Saramago padecía unha “terríbel cegueira moral”. ¿Será iso certo? No seu día o sionista David Ben-Gurión, primeiro ministro de Israel entre 1948 e 1954, e entre 1955 e 1963, acabou recoñecendo que Menájem Beguín —tamén primeiro ministro de Israel e fundador do partido fascista israelí Herut (Albert Einstein dixit)— podía ser definido como un perfecto racista. Xulguen vostedes outravolta. 

Alí mesmo, en Ramala, centro do Encontro de escritores, ecoaban en min ou sobre min as palabras do xudeu Yakov M. Rabkin, profesor de Historia na Universidade de Montreal e autor dun libro clave, “A ameaza interior. Historia da oposición xudea ao sionismo”: “O sionismo práctico, a empresa sionista é un invento xudeu no Imperio ruso”. Mais este viaxeiro, tantas veces extenuado e cheo de ilusión percorrendo as terras palestinas, garda como un tesouro na lembranza o rebrillar feliz dos ollos das nenas e dos nenos palestinos que nos recibiron a golpe de tambor (resonancia profunda da terra) na recepción ofrecida polo profesor e académico Rami Hamdallah, presidente da Universidade Nacional An-Najah en Nablus e actual primeiro ministro do Estado palestino. (Continuará)
 

Comentarios