Opinión

Terror en París

Lembrei inmediatamente, cando vin as primeiras imaxes do terror en París, aquel razoamento de Primo Levi


Lembrei inmediatamente, cando vin as primeiras imaxes do terror en París, aquel razoamento de Primo Levi —relampexante na súa crueza e exactitude— que nos indicaba que nas “vítimas-máis-vítimas” non hai rastro, porque só as vítimas “privilexiadas” conseguen o recordo. E disto falaba o escritor italiano —prisioneiro dos nazis no campo de concentración de Monowice— nunha obra titulada precisamente “Os afundidos e os salvados”. E dáballe voltas eu na miña cabeza a todo isto, a contemplar imaxes tras imaxes televisivas da barbarie no “fogar de Europa” (París segundo Niestzsche), porque, ao mesmo tempo que a dor polas vítimas inocentes me invadía de vez (varios musulmáns e árabes franceses entre elas), non podía deixar de pensar tamén nas vítimas (moitas veces familias enteiras esnaquizadas corpo a corpo) de Aleppo, Mosul, Homs, Al Raqqa, Palmira ou Beirute, cidade esta última onde non hai moitas horas tivo lugar un dobre atentado que deixou 43 mortos e 239 corpos feridos e que foi atribuído a ese enxendro denominado Estado Islámico.

Podo chorar e choro en silencio, e coa palabra ergueita, polas vítimas que sempre terán “recordo” (tamén o meu) en París, mais do mesmo xeito tamén sinto un laído de dor polas vítimas civís do barrio beirutí de Burj al Barajné, producidas polo mesmo Estado Islámico, disque, e que nunca serán lembradas por nós, porque, como dicía Levi, non deixan nin deixarán rastro ou marca (e menos entre nós) que as identifique. ¿Pódense establecer diferenzas entre un terror e outro? ¿Poderemos entender a dor, o terror e a desintegración física que experimentan as “vítimas irmás dunha barbarie común”, como ben expresa o filósofo Santiago Alba Rico?

Podo chorar e choro en silencio, e coa palabra ergueita, polas vítimas que sempre terán “recordo” (tamén o meu) en París, mais do mesmo xeito tamén sinto un laído de dor polas vítimas civís do barrio beirutí de Burj al Barajné

É algo ben sabido —¿alguén o dubida?— que este mundo que vivimos está gobernado pola pestilencia e o fedor dun poder neoliberal e sociópata que —sóuboo ver o historiador Eric Hobsbawm— se foi acrecentando en Occidente a medida que nos achegábamos ao final do século XX. ¿E cal é o grao de barbarie ao que asistimos hoxe os “privilexiados” (no sentido que lle dá ao termo Primo Levi) demócratas occidentais? Reparemos no seguinte. A propia Hillary Clinton, ex ministra de Relacións Exteriores dos EE UU, acabou admitindo nunha entrevista ao medio dixital The Atlantic (10-12-2014) que a milicia (ou milicias) denominadas ISIS ou Estado Islámico —as mesmas que acaban de sementar o terror e a morte en París— foron apoiadas no seu día pola Casa Branca. E engade textualmente a actual candidata á presidencia dos EE UU: “Temos fracasado en crear unha guerrilla anti-Assad críbel (...) O fracaso deste proxecto ten levado ao horror ao que estamos asistindo hoxe no Iraq”. ¿Mais só no Iraq? ¿E en Beirute? ¿E en París? ¿Que caste de ética aniña na cabeza dunha señora que di, referíndose a Siria (e está gravado), que “as vítimas civís, os nenos e as mulleres, son todos efectos colaterais dunha política xusta”? ¿Que mundo é este? ¿”Entre que xentes estamos”, que diría o pesimista Mariano José de Larra, que optou por suicidarse non ben cumpridos os vinteoito anos? "Paren al mundo, que me quiero bajar", clamou a boa de Mafalda. Porque con tanta violencia, confusión interesada, mangoneo consentido e ética de papel mollado, ou nos “baixamos” do mundo indecente no que vivimos ou loitamos a fondo para cambialo. E non esquezamos nunca os mortos de Beirute e de París, e de tantos outros lugares, que son as mesmas vítimas e teñen os mesmos verdugos.

Comentarios