Opinión

Sanidade pública

Asistín este pasado domingo, día 21 de xuño, na cidade da Coruña, a unha concentración organizada pola Coordinadora Anti Privatización da Sanidade Pública.

 


Asistín este pasado domingo, día 21 de xuño, na cidade da Coruña, a unha concentración organizada pola Coordinadora Anti Privatización da Sanidade Pública. E non chegábamos a 200 persoas as que acudimos alí, á coruñesa Praza do Obelisco, para deixarmos constancia da nosa oposición á privatización da Sanidade e para demandarmos “unha sanidade pública, gratuíta, universal e de calidade”. A denominada Carta de Dereitos Fundamentais da Unión Europea deixa ben claro que “toda persoa ten dereito á prevención sanitaria e a beneficiarse da atención sanitaria”, mais hoxe asistimos, como ben expresan Joan Benach e Carles Muntaner —dous dos autores do libro “La sanidad está en venta” (2012)—, a un proceso de contrarreforma neoliberal da sanidade que representa unha involución radical no noso modelo sanitario e que supón “un verdadeiro golpe de Estado contra a sanidade pública”. ¿Podemos consentir os cidadáns que a atención sanitaria se convirta nunha mercadoría en mans do negocio privado que só pensa en termos de “ánimo de lucro”?

Outro libro ben interesante sobre o proceso de privatización da sanidade, coordinado polos médicos Hixinio Beiras Cal e Marciano Sánchez Bayle, —“La Sanidad no se vende (Manual para la defensa de la Sanidad Pública” (2015)—, deixa ben claro como existe unha verdadeira cobiza dos mercados, enmarcada nunha estratexia de ámbito global (golpismo neoliberal en silencio ou “difuso”, diría eu), que trata de impor as súas normas e os seus intereses. Mais, se queremos dar conta aínda con máis precisión das consecuencias negativas que produce na sociedade en xeral a privatización na sanidade, deberemos acudir á obra colectiva “A saúde como negocio” (2012), coordinada nesta ocasión polo médico e escritor Pablo Vaamonde García. Deféndese nesta última obra que a atención sanitaria pública, ademais de ser un dos piares esenciais do Estado do benestar, é un dereito puro e simple dos cidadáns, que teñen “dereito” a seren atendidos de forma universal e gratuíta, sen ningunha restrición. Porque a privatización sanitaria, resulta máis que evidente, persigue o negocio directo e o reparto privado de beneficios; ou, permítanme expresalo así, a “lucratividade”, que é a procura dunha ganancia individual (superávit incluído), propia das empresas privadas que funcionan no ámbito do capitalismo neoliberal: redución drástica do gasto público e intervención do Estado na economía a prol do sector privado. 

¿Podemos consentir os cidadáns que a atención sanitaria se convirta nunha mercadoría en mans do negocio privado que só pensa en termos de “ánimo de lucro”?

Máis claro auga. Ou como di o doutor e catedrático de Medicina da McMarter University de Hamilton, Gordon Guyatt, citado por Viçens Navarro: “As empresas con afán de lucro, nos servizos sanitarios, teñen que aforrar fondos en áreas que afectan á calidade dos servizos, coa fin mesma de acadar o diñeiro que precisan para pagaren aos seus accionistas e aos seus xestores”. Máis claro auga. O negocio está servido. E a “cidadanía civil”, a “cidadanía política” e a “cidadanía social” (Thomas H. Marshall) deberan mobilizarse activamente, “in crescendo”, para lle pór freo —na UE xa se contabilizan 125 millóns de pobres, e moitos deles con problemas de saúde— á barbarie social e política do neoliberalismo. Porque o obxectivo —lémbrao Marciano Sánchez Bayle— é conseguirmos a universalización e consolidación do sistema sanitario público como sistema de solidariedade e de xustiza e equidade social.

Comentarios