Opinión

Pobreza na Galiza

En realidade, a pobreza, aínda tendo faces e estruturas ben concretas


En realidade, a pobreza, aínda tendo faces e estruturas ben concretas, tende a ser “invisíbel” ou ignorada, pois ben é certo que, seguíndomos o coñecemento freudiano, coa activación dos mecanismos de defensa do Eu diante dun feito adverso ou infortunado, prodúcese unha negación (represión) da súa realidade e, na maioría dos casos, decídese obviar a súa existencia. Un le, por exemplo, o “Informe sobre exclusión y desarrollo social en Galicia (Resultados de la Encuesta sobre Integración y Necesidades Sociales)”, referido ao ano 2013 e realizado pola Fundación Foessa, e descubre que no noso país “perto de 500.000 persoas se ven afectadas por procesos de exclusión social; é dicir, o 18% do total da poboación galega (perto de 170.000 fogares)”. E se un segue a ler tal análise acaba obtendo a seguinte información: 130.000 persoas atópanse en “exclusión severa”, o que vén sendo —di o Informe— non menos de 55.000 fogares galegos.

Xulguen vostedes. Porque, se queremos achegarnos máis á realidade de hoxe, tamén podemos consultar o cuarto informe sobre “El Estado de la Pobreza en España”, presentado este mesmo ano pola Rede Europea contra a Pobreza e a Exclusión Social no Estado Español (EAPN), e que nos deixa cifras estarrecentes: un total de 672.123 habitantes da Galiza atópase en risco de pobreza e 90.236 persoas padecen, segundo dito estudo, unha situación de “pobreza severa”. ¿Teñen os lectores e lectoras deste artigo coñecemento disto? ¿Existe “visibilidade” social desta adversa situación? ¿Alguén sabe que non hai moito tempo Cáritas Interparroquial de Santiago de Compostela aseguraba que máis de 4.000 persoas vivían en pobreza de carácter severo na capital da Galiza?

Un total de 672.123 habitantes da Galiza atópase en risco de pobreza e 90.236 persoas padecen unha situación de “pobreza severa”

Cada vez resulta máis evidente —cando menos para unha inmensa maioría da poboación— que a pobreza é invisíbel ou que non se quere ver. ¿Acaso o Goberno central e os denominados Gobernos autonómicos “ven” a pobreza infantil existente? A propia Cruz Vermella Española lembraba hai uns meses que a taxa de pobreza infantil atinxía en España o seu valor máis alto dende o ano 2004. ¿Alguén se atreve a negar este dato? Como ben denunciaba no seu día o sociólogo estadounidense Michael Harrington, autor dun ensaio titulado “A outra América: Pobreza nos Estados Unidos”, “a pobreza segue a ser exótica, distante. As nosas cidades, o traballo e o lecer, organízanse de xeito que moitos de nós poderíamos pasar toda a nosa vida sen ter que cruzar por diante mesmo dunha verdadeira comunidade empobrecida”.
 
¿E saberá o presidente Obama que máis de 30 millóns de estadounidenses usan vales de comida? ¿E saberá o Goberno da Xunta de Galicia que máis de 4.000 fogares galegos sofren carencia de alimentos? Sábeno ben en Cáritas, que, segundo os seus propios datos, nos últimos cinco anos pasaron de atender 30.226 a 114.666 persoas, sinalando ademais que os efectos da pobreza sobre os nenos galegos non só se derivan das dificultades das familias, “senón tamén da erosión no sistema de protección social e moi significativamente na falta de bolsas ou becas de comedores escolares”. Cáritas dixit. E o sociólogo e matemático noruegués Johan Galtung —Premio Nobel Alternativo (1987) e Premio Gandhi (1993)— tamén dixo que a pobreza pode considerarse unha forma de “violencia estrutural ou indirecta”, situación esta na que a tal violencia é xerada ou está implantada dentro dunha estrutura particular, manifestándose ademais como un poder desigual. Nin máis nin menos. Aquí e agora.
 

Comentarios