Opinión

O "Non" de Grecia

O “Non” do pobo grego aos Amos e Banqueiros europeos é unha clara vitoria da democracia

O “Non” do pobo grego aos Amos e Banqueiros europeos é unha clara vitoria da democracia, da dignidade individual, e colectiva, e da soberanía nacional grega. A gran maioría do “demos” grego decidiu plantarlle cara á Ditadura do Capital e á Plutocracia Europea, porque entendeu á primeira que os que se din políticos democráticos europeos funcionan como perfectos ventrílocuos dos acredores (BCE, FMI e CE), tres organismos multilaterais, nada democráticos, que teiman en sinalar as medidas e reformas económicas que se deben levar a cabo en cada caso, coa conseguinte perda de independencia política dos países —na súa linguaxe— “intervidos”. Mais o “Non” de Grecia é tamén un “Non” á Tecnocracia e á Doutrina do Austericidio: e sobre isto último non está de máis lermos o libro do profesor da Universidade de Brown (Economía Política Internacional), Mark Blyth, titulado precisamente “Austeridade. Historia dunha idea perigosa”.

Como ben dixo Jürgen Habermas, un dos sociólogos e filósofos máis respectados en todo o mundo e toda unha autoridade intelectual na Alemaña, “son os cidadáns e non os bancos quen deben ter a derradeira palabra en cuestións existenciais para Europa”. E os cidadáns gregos seguiron a máxima habermasiana ao pé da letra. Porque o “Non” de Grecia afecta directamente á cuestión existencial grega e á cuestión existencial europea —“to be or not to be”—, e pódese (e débese, na miña opinión) ler tamén en clave de “Si”: un si a outra Europa, a un proxecto europeo verdadeiramente democrático e non a un “comité construído sobre alicerces podres” (Yanis Varufakis dixit). Cando Grecia di “Non” á Oligarquía Europea está dicindo “Si” ao artigo 3.1 do Tratado da Unión Europea —puro papel mollado na actualidade—, que di con toda clareza que a UE ten como finalidade “promover a paz, os seus valores e o benestar dos seus pobos”. E tamén o pobo grego está a dicir “Si” á denominada Carta Social Europea, que fala da “mellora nas condicións de vida” dos cidadáns europeos. ¿Acaso o Comité Europeo de Dereitos Sociais do Consello de Europa non expresou con claridade no seu día que as imposicións da Troika ao pobo grego teñen dado xa lugar a unha “brutal redución das cuantías das pensións do Sistema de Seguridade Social grego? 

O “Non” de Grecia é tamén un “Si” de esperanza, entendida esta, nun plano laico, como un horizonte de verdade e de xustiza (Hugo Ochoa Disselköen)

O “Non” existencial do pobo grego é un clamor por unha Europa máis humana, máis democrática, máis xusta e máis solidaria. Até a confederación oficial das entidades de acción caritativa e social da Igrexa católica en España —Cáritas, enténdase— criticou duramente a “austeridade devastadora” que a Unión Europea ten aplicado nos últimos anos, creando, a todas luces, unha “Europa inxusta”. Por todo isto o “Non” de Grecia é tamén un “Si” de esperanza, entendida esta, nun plano laico, como un horizonte de verdade e de xustiza (Hugo Ochoa Disselköen). Xa o novelista e Premio Nobel alemán Günter Grass publicaba no ano 2012, nas páxinas do Süddeutsche Zeitung, un poema titulado “A vergoña de Europa”, no que responsabilizaba con extraordinaria lucidez ás potencias occidentais pola grave situación económica e social grega, e sinalaba a Angela Merkel como adalide da implementación das estritas medidas de aforro que o Nobel alemán consideraba “veleno” —textualmente— para o país balcánico. As máximas Autoridades Españolas e Europeas, con moi poucas excepcións “analfabetas por regresión”, deberan ler estes versos de Günter Grass dedicados a Europa e que falan de Grecia: “Próxima ao caos, por non compraceres ao mercado, estás lonxe da terra que foi o teu berce. / O que procurache coa alma e te serviu, rexéitalo agora como se for ferro vello. / Posta espida na picota do debedor, padece unha nación á que lle era común recoñecer a gratitude. / ¡Bebe de vez, bebe! —bourea a claque dos comisarios—, mais Sócrates devólveche encarraxado o vaso cheo a rebordar. / A coro amaldizoarán os Deuses, cuxo Olimpo esixes expropiar, o que te é propio. / E murcharás sen alma, sen o país cuxo espírito a ti, Europa, te concibiu”.
    
¿Entenderán isto os fillos e fillas políticos de Margaret Thatcher, Angela Merkel á cabeza? Coido que non. Mais tempo ao tempo. As cidadás e os cidadáns europeos —o pobo grego xa deu o primeiro paso— teñen a palabra.

Comentarios