Opinión

Nacionalismo e galaicofobia

Desfrutei o outro día dunha excelente reportaxe dunha redactora desta casa, Cilia Torna, sobre unha tese doutoral que trataba a galaicofobia na literatura castelá do século de ouro. O autor, Alexandre Peres, fai un relato moi ben documentado dos escritos denigratorios que moi respectados escritores casteláns, case todos eles de obrigado estudo, fan a respecto do ser e o quen dos galegos. Estes estudos, ademais do seu valor histórico e filolóxico, teñen especial interese para o movemento galeguista, pois paradoxalmente os ataques dende fóra contribúen a cimentar a identidade propia.

Non hai nación digna de tal que non teña recibido insultos e desprezos dos seus veciños. Sexan estas nacións sen Estado como catalás, bretoas ou escocesas ou estados consolidados como España, Francia ou Reino Unido, todas tiveron nalgunha ocasión que confrontar o desleixo dos seus veciños, e souberon aproveitalo para consolidar o propio relato. Só hai que ver como o Estado español sabe sacar partido da famosa Lenda Negra e como é quen de reabrir, baseándose en tal relato, debates históricos sobre o seu pasado enchendo xornais e programas de opinión con polémicas entre os seus historiadores. Isto contribúe a un mellor coñecemento da historia patria por parte da cidadanía e fai revivir o interese das novas xeracións polas orixes da nación.

Neste aspecto, este tipo de escritos sobre a galaicofobia debería provocar resultados análogos entre nós e non ten nada de negativo saber como se referían (ou se refiren) a nós literatos ou historiadores doutros pobos. O problema para min é outro. Toda lenda negra vai asociada a unha lenda branca ou incluso a unha lenda dourada. Os historiadores nacionais adoitan branquear a historia, seleccionar aspectos positivos ou gloriosos do devir nacional, e minimizar nos relatos oficiais, que son os que a poboación coñece por ser educada neles, os aspectos máis escuros ou deshonrosos. Isto queda para debates rigorosos entre os historiadores académicos, que só en ocasións saen dos muros da academia. O problema do nacionalismo galego sería entón o de carecer dunha lenda branca. Non sei se é polas propias características do país ou por unha estratexia deliberada, o certo é que o repertorio da historia galega transmitido á poboación (non obviamente o dos historiadores profesionais), aínda sen discutir a súa veracidade, anima a calquera cousa menos a apuntarse ao nacionalismo.

A historia, alén de certo esplendor medieval (no que adoita difuminarse o papel da Igrexa ou de líderes gloriosos como Xélmirez) parece consistir en domas e castracións, séculos escuros seguidos dun cativo rexurdimento seguido de longas noites de pedra e aldraxes. Eses casteláns que nos desprezan colonizáronnos e seguen a colonizarnos politicamente e a expoliarnos economicamente dende os tempos do Mariscal Pardo de Cela ata o día de hoxe. E todo isto, por suposto, sen que en todos eses séculos os galegos non fixeran nada digno de mención e toleraran sen queixa tales infamias. Mais a pesar de todo isto, se non acabaron coa nosa lingua e cultura ou non puideron impedir o noso espectacular medre económico dende a segunda metade do século XX. Ah, iso tampouco é mérito noso, é por falta de capacidade deles que son uns imperialistas fracasados! Dirannos, agravando aínda máis o discurso de autoodio, pois non parece que sexa para estar orgullosos o feito que tan inútiles imperialistas sexan quen de dominarnos e domarnos.

Os historiadores do Rexurdimento como Murguía e Vicetto ou políticos como Castelao coa súa Alba de Gloria buscaron dignificar o pasado, aínda inventando cousas. Sen chegar a eses extremos, para cando un libro sobre as cousas boas que dixeron de nós, que seguro foron moitas, ou sobre os feitos de gloria do noso pobo, que sen dubida foron moitos.

Comentarios