Opinión

Gastos militares

O Goberno español adoptou a decisión de incrementar substancialmente o gasto militar, en aparencia, sen gran oposición dentro das súas propias filas, alén das habituais queixas rituais da á esquerda, e que por precedentes non se han concretar en nada decisivo, salvo en disputas internas dentro dos supostamente máis críticos coa actual orde atlántica. Non farei eu como moitos autodenominados neoliberais que abominan do gasto público salvo cando este é referido a defensa, caso no cal todo gasto lles parece pouco. Temo que non entenderon ben a doutrina, ou que nin sequera a leron. Os que somos partidarios da redución do gasto público entendemos que hai polo menos dous gastos que de forma ideal deberían achegarse ao mínimo, o social e o militar. O social porque entendemos que o obxectivo último dunha boa política pública é o de reducir a cero a pobreza e a vulnerabilidade, de tal forma que non sexa necesario tal gasto. E o militar porque entendemos que os resultados ideais dunha boa política exterior é o de acadar a paz entre os pobos de tal forma que non sexan preciso tampouco ese tipo de gasto. Un incremento en ambos é máis un fracaso político que un éxito, e aínda sabendo que acadar o éxito en ambas as dúas cuestións ten máis de utopía que de realidade e que a curto prazo non se van dar as condicións para acadar eses obxectivos, non podemos menos que considerar máis que un fracaso o incremento do gasto público nos dous casos e moi especialmente no gasto en defensa. Obviamente é moito peor gastar no militar, pola propia natureza do gasto en artefactos mortíferos que destrúen vidas e facendas da xente común como pode verse nas guerras contemporáneas.

Pero non son tan iluso de pensar que o día en que o gasto en defensa chegue a cero estea próximo a chegar. Por desgraza todos os países teñen en maior ou menor grado que afrontar desafíos á súa seguridade, pero outra cousa é como se definen estes e como se definen as posíbeis respostas. Os teóricos das relacións internacionais da chamada escola de Copenhaguen afirma que boa parte das actuais políticas poden ser definidas en termos de seguranza. Xustifican por exemplo as políticas sociais en termos de evitar confrontacións de clase, ou a política agraria en termos de seguridade alimentar. Supoño que de aí viría a idea, que non é ningunha novidade, de considerar a inmigración descontrolada como unha ameaza á seguridade, o mesmo que o cambio climático ou a escaseza de auga militarizándoas en parte. Usemos ou non estas definicións de seguridade o certo é que antes de incrementar o gasto en defensa deberiamos primeiro determinar que riscos ou ameazas poderiamos ter e que tipo de armamento ou organización militar deberiamos ter. Se decidísemos, por exemplo, que o problema é a inmigración, o normal non sería contar con avións ou artillaría pesada, senón con forzas policiais ben adestradas, obstáculos ou armamento antidisturbios preferibelmente non letal. Outra cousa e que xa decidan por nós e decreten que o inimigo é Rusia ou China, que poden ser nacións agresoras pero non creo que de momento poidan chegar a Compostela ou a Bouciña e, sobre todo, decreten que temos que pagar a escote armamento pensado para combater esa ameaza en particular; isto é comprar avións ou blindados. Gasto en defensa tamén é manter almacéns, silos de alimento e combustíbel, o que nos sería máis acaído dada a nosa xeografía. Non simpatizo coa agresión rusa, como xa teño manifestado, e vexo ben auxiliar aos ucraínos, máis entendo que as nosas necesidades de defensa deberían primar e adecuarse ás nosas circunstancias, non ás que decidan desde a NATO, a que nós ben pouco parecemos importarlle. Pódese incrementar o gasto, si, pero atendendo tamén ao que nós precisemos e non centrar todo en inimigos afastados cos que sería moi raro que teñamos conflito serio.

Comentarios