Opinión

O capitalismo e a cuestión nacional

Os moi interesantes escritos de Francisco Rodríguez nesta páxinas contribuíron moito a aclarar algunhas cuestións formuladas sobre o marxismo e a cuestión nacional galega. Pero como non pode ser menos contribuíron tamén a abrir novas cuestións de análise. Unha é cal podería e debería ser a postura sobre o capitalismo e a cuestión nacional galega, isto é, se o capitalismo é inimigo ou un potencial aliado da consolidación nacional da Galiza. É un tema rara vez debatido no nacionalismo contemporáneo e considero que necesita ser debatido, pois entre outras cousas é dentro deste sistema no que moi previsibelmente se encare o futuro político da nosa terra. Calquera proposta de futuro do nacionalismo galego, salvo que muden moito as cousas, vai ter que desenvolverse nun marco de capitalismo global, e isto é algo que parece non contemplarse.

Os nacionalistas cataláns ou escoceses si que prevén este escenario e discuten como afrontalo. Escoito ou leo en moitas ocasións nos debates no mundo nacionalista unha sorte de identificación de todas as dereitas como inimigas do nacionalismo galego. Nese paquete parece identificarse o españolismo, o neoliberalismo capitalista e o imperialismo como as tres patas da trepia antinacional e considero que, cando menos, deberían desagregarse un pouco. O españolismo non é necesariamente neoliberal, senón máis ben estatista e xacobino. Na súa vertente progresista é tirando a socialdemócrata e na tradicional franquista ou posfranquista proteccionista e, aparentemente, non moi partidario da globalización capitalista. De defender o capitalismo, faino na súa faceta de capitalismo de Estado, que non é liberal, asociado ás grandes empresas relacionadas co poder, do tipo da banca, as eléctricas e algunhas empresas militares e de obras públicas (boa parte das que abandonaron Cataluña no procés). O españolismo marxista obviamente é anticapitalista pero dun anticapitalismo moi selectivo. Co capital galego, por exemplo, adoitan ser moi duros pero co madrileño, e máis se está asociado ao poder, son ben cautos. Pola contra, o nacionalismo galego na súa época clásica non era hostil ao capital galego. Recordo un excelente artigo de María Pilar García Negro no que lembraba a abundancia de publicidade de empresas galegas nas páxinas do Nós primitivo, o que amosaba unha moi boa relación dos nacionalistas co incipinte capitalismo galego da época. Tamén as frases de Risco ou Castelao (ou as conclusións da asemblea Nacionalista de Lugo) gabando o carácter librecambista da Galiza fronte ao proteccionismo castelán. Tampouco o capitalismo precisa do imperialismo.

Boa parte das nacións máis capitalistas da terra ou ben nunca tiveron colonias ou o foron elas mesmas. Tampouco ningunha das vellas potencias coloniais se derrubou na pobreza ao perder os mercados coloniais, máis ben ou non lle pasou nada ou medraron espectacularmente como foi o caso español ao perder Cuba e Porto Rico. Indo ao plan da teoría, o máis común entre os pensadores do capitalismo e o liberalismo económico é criticar ferozmente o imperialismo (unha pedra de muíño ao pescozo, como ben apuntou Disraeli) primeiro por ser inxusto, logo por ser unha carga económica que non beneficia o desempeño económico e por último por ser unha reliquia bárbara de tempos preindustriais, como ben sinalou Schumpeter. Estes teóricos do capitalismo como Von Mises defenderon o dereito a secesión e a autodeterminación dos pobos, algo que vén sendo unha constante nos seus discípulos ideolóxicos. Cumpriría discutir se o mundo do capitalismo facilita ou non a supervivencia das pequenas nacións, algo que parece obvio dado o bo inserimento das moitas nacións aparecidas nos últimos decenios no mundo do capital, pero é algo ao que voltaremos nalgún escrito ulterior.

Comentarios