Opinión

Eles

A última vez que entrei e saín da Toxa conducía un Dyane 6 hai catro anos. Un amigo tivo a ben rescatarme dunha tarde de domingo para probar a magnífica suspensión nas rotondas mecas e nos pasos de peón elevados deste automóbil clásico que adquirira en Vigo. Quédate con aqueles que te saquen a pasear coma Miss Daisy nun día de verán.

O 'Foro La Toja' naceu un ano despois para "el diálogo, la reflexión y la defensa de la democracia liberal, en el marco Atlántico". Nestas datas vense de celebrar a súa cuarta edición, ateigando a illa de homes do traxe gris, testosterona, coches oficiais e moita naftalina. Nos últimos tempos consumimos ese insecticida por riba das nosas posibilidades. No evento en cuestión maltratan sistematicamente o nome dun lugar que non sempre foi chamado así. Na Arousa referíronse a ela como Illa do Louxo até o século XIX, termo polo que atende a día de hoxe unha das súas praias. Dende A Mesa pola Normalización levan tempo denunciando a deturpación do seu topónimo actual co plácet dos últimos presidentes da Xunta que sempre participan no encontro. Que unha lei non lles estrague unha imaxe cos que verdadeiramente mandan.

Dos trinta e cinco poñentes deste acontecemento doce son mulleres, mais nas fotos tan só saen eles con pose militar, gravatas e traxes escuros sen saber ben onde colocar os brazos. A imaxe fala do pasado, mentres algúns tapan coas mans as partes innobres que os delatan ao modo da barreira dun equipo de fútbol, adestrados polo "Señor X" e "M.Rajoy", que ao rematar o partido sempre fan declaracións diante do panel das marcas que ás veces pagan as súas fichas, condicionan as súas opinións e os patrocinan.

Neste interregno perpetuo onde o vello mundo non morre e ao novo non se lle agarda, os monstros forman parte do decorado alleos a sensibilidades políticas, lingüísticas ou de xénero mentres sobreviven ao paso do tempo facendo bo aquel anuncio do Dyane 6, que nun momento dicía sobre a virtude do coche diante das curvas aquilo de "tomba pero non envorca".

Comentarios