Opinión

Rateos e cadros de persoal

O pasado martes 22, día en que finalizaba o curso escolar, a Radio Galega entrevistou o Conselleiro de Educación. Dixo que o balance do curso é bo. E si, demos feito. Chegamos ao final do curso relativamente ben, sorteando ondas que nalgún momento case baldeiran as aulas, e conseguimos cumprir como cada ano, aínda que debemos comezar cun plan de reforzo do curso anterior. Moitas e moitos pensamos que non dariamos feito, incrementadas as nosas tarefas coa desinfección e o control de distancias, mais a redución das rateos fixo posíbel a tarefa. Realmente esa foi a pedra angular que permitiu superar o curso e que hoxe o Conselleiro saque peito grazas ao noso traballo.

Ninguén precisa que lle expliquen que entre dar clase a trinta e darlla a quince hai unha diferenza abismal, que o aproveitamento do tempo multiplícase e iso redunda nun mellor funcionamento das aulas e máis aprendizaxe. Foi a proba do algodón que dá a razón a quen defende que cómpre reducir as rateos nas aulas porque esa é a base en que asenta un ensino que pode dar unha atención o máis personalizada posíbel, atendendo á diversidade. Por iso agora asexamos con preocupación cara a esta Consellaría que se parapeta en que foi unha medida derivada da situación sanitaria e que nada ten que ver co educativo (sic). Vémolo vir. Como vimos pasar polos centros unha empresa que imaxinaba como tirar tabiques para facer aulas máis grandes en que coubese máis alumnado e así, sabemos, reducir docentes, o verdadeiro motor do ensino. E non vale facer a trampa de dividir alumnado por profesorado sen ter en conta a diferenzas de densidade poboacional entre o rural e o urbano.

A diagnose é clara, a calidade está moi vinculada ás rateos. Tanto é así, que o PP de Madrid anda a prometer a redución, promesas que non son novas tampouco no PP de Galiza, malia non se ter aplicado nunca. Todo o contrario, pois hai anos incrementaron as rateos antes có Estado a quen agora culpan e piden fondos para volver ao punto anterior.

Comentarios