Opinión

Máis dificultades?

Cada vez máis preguntámonos que sucede, se realmente se incrementan os casos de rapazada con dificultades ou é unha impresión nosa. Ás veces vén acompañada da reflexión de que, cando nós eramos adolescentes, non se daban estes casos con tanta frecuencia. Seguro?

Nunha charla, o neurólogo Carlos Spuch respondeu afirmativamente á pregunta sobre a posibilidade de que estivesen a aumentar os casos. As estatísticas demostra que si. Logo veu a pregunta polo motivo e respondeu que talvez a alimentación e as condicións medioambientais estean a influír no noso desenvolvemento neuronal. Que os medicamentos e outros produtos químicos, moitos demostradamente nocivos, poden estar a modificar o noso crecemento, tamén nese órgano que é o cerebro. 

Até aquí a constatación do deterioro. Mais, estamos peor? Como era na nosa época?

Antes de máis, cal é a nosa época?

A miña son os 80, a transición, a reconversión naval e as folgas e as manifestacións enchendo Vigo, tamén polos estudantes que protestaban contra o incremento do  bonobús, o debate sobre a normativa do galego e a reivindicación da nosa lingua nas aulas. Traballar aos catorce anos, polo salario mínimo en xornadas inhumanas o resto da vida. A vida nocturna, a droga, as mortes por sobredose.

Esa foi a nosa época. Seguro que estamos peor?

Daquela había rapazada que, ao chegar aos últimos cursos da EXB, e sen acadar os resultados necesarios, avanzaban curso até ser guindados nun mundo laboral que os recibía coa explotación ou co desemprego, calquera dos dous camiños abertos en que caer co cabalo en vea. Tiñan os anos que hoxe ten o noso alumnado da ESO, ese ao que vemos infantil, desorientado, necesitado de atención, algo que talvez sempre foi así, mais que, entón non podiamos comprobar.

Se o pensamos ben, e a pesar da influencia nefasta dos químicos, peor non estamos, cando menos temos a oportunidade de os coidar. Para min, unha evidencia da importancia de fixar a idade de escolarización obrigatoria nos 16, ou mesmo nos 18.

Comentarios