Opinión

Eleccións e lingua

Celebradas as eleccións, vén o tempo das análises. Nas mesas de debate, nos cafés ou nas rúas, cada quen cobre a súa quiniela e explica os motivos dos resultados.
O bipartidismo fixo o seu agosto e os nacionalismos resentíronse, agás os contados casos que conseguiron avanzar ou manterse, e eses fomos nós. A min preocupoume que a xente votase contra, reducindo as súas propias expectativas e esquecendo que tras unha xornada electoral veñen catro anos de políticas, políticas polas que logo acabarán laiándose e pedindo explicacións. 

Eu penso na política lingüística, por exemplo, unha cuestión fulcral que, para alén de ser unha necesidade en si mesma, adoita ir da man doutras políticas imprescindíbeis pensadas desde e para o noso país. Nisto reflexiono durante o café de media mañá. E escoito.

Dun lado, unha parella nova de vacacións. Os pais falan en castelán entre eles. A nena parla catalá, e en catalá se desenvolve a conversa entre os tres. Política lingüística da escola á casa.

Do outro lado, dúas veciñas con uniforme de taller de formación. Falan español case todo o tempo. Capto un fragmento da conversa: "Como van a entender los niños que no hablan en gallego. Nosotras que hablamos en gallego no entendemos [...] Que es eso de panos de mesa, xiringas...". Sempre os prexuízos.

Máis alá falan dous nenos de primaria: "Dormiste?" Di un facendo desaparecer os tempos compostos que serían de regra neste caso. "Voy a dormir", responde o outro sacando a relucir o hábito galego de dar preferencia ás perífrases fronte ao futuro de indicativo. Unha estrutura profunda da lingua que permanece a pesar da presión, que aínda resiste nese español imperfecto con que os pais os educan convencidos de que así falan mellor.

Penso no verso de Díaz Castro, un paso adiante e outro atrás Galiza, e rescato a lembranza de que onte un meu veciño botouse a falar galego mentres me ofrecía marmelada de phiysalis. Que doce. 

Veñen catro anos e outras convocatorias electorais. Non esquezamos a lingua.

Comentarios