Opinión

Lores Santacecilia e Rousseau

Francisco Lores Santacecilia, Paco Lores, é coñecido polo seu liderado na folga de 1972, pola súa actividade sindical e política no nacionalismo. Francisco Lores López, o seu pai, garda de asalto, foi fusilado en 1937 pola súa fidelidade ao goberno da República. A viúva, Felicidad Santacecilia, criou a filla e o fillo sen que o pequeno Francisco, nacido en 1936, puidese coñecer ao pai, e con todos os atrancos da ditadura para familiares de republicanos. El di que a súa conciencia política naceu aos vinte anos cando a nai lle deu as dúas cartas que o pai escribira nas horas anteriores a ser fusilado.

Unha historia que forma parte das crónicas da folga xeral en Vigo de 1972 conta como o 10 de marzo, ao coñecerse o asasinato de Daniel Niebla e Amador Rey no Ferrol, Paco Lores achegouse ao transformador principal e cortou a corrente eléctrica da factoría de Citroën. Sendo certa, parece deixar en segundo plano o carácter colectivo das mobilizacións sindicais e políticas. Unha fábrica como Citroën non para porque falta a luz, senón porque os traballadores deciden parar e antes diso os dirixentes sindicais como Paco Lores preparan a folga. Aínda non habendo fotos deses momentos, as historias orais contan como Paco Lores subía a un banco na nave máis grande da factoría e coas súas palabras paraba a actividade, antes de cortar a luz.

O que quero contar hoxe ocorrera dez anos antes, a comezos dos 60, cando Citroën, logo dunha revisión de saúde, enviou varios obreiros a Madrid para unhas probas sobre o funcionamento dos riles. Neses anos, en Vigo e noutros lugares, unha das actividades da resistencia antifranquista era a formación de dirixentes. En Vigo un militante comunista, Cachán, reunía obreiros para ler e discutir ensaios políticos. Para a xente nova aclaro que esas xuntanzas eran clandestinas, ou case, ao amparo do colexio dos Xesuítas e do padre Seixas. Así foi que, ao chegar ao hospital de Madrid, Paco Lores levaba na equipaxe un exemplar do Contrato social de Rousseau: estaba léndoo mentres se realizaban as análises. Conta el que o médico, ao chegar onda el e ver o libro que tiña nas mans, dirixiuse aos estudantes que o acompañaban facéndolles notar que o lector era un obreiro metalúrxico. O seu papel na folga custoulle a Lores o despido de Citroën, mais as dificultades para encontrar traballo non apagaron o seu empeño por unha sociedade máis xusta, por unha Galicia dona de si.

Comentarios