Opinión

No día do pasamento de Castelao

"Irmáns: Fuxide sempre dos parvos. Non vos arrimedes a eles, porque poden roubarvos algo da vosa razón e transmitirvos a súa parvada. Deixádeos paseiar, falar, danzar e medrar no seu mundo. E se algún parvo chega a ser autoridade non mostredes asombro, porque son cousas do sistema que combatimos e dos tempo en que nos cadrou vivir" (Castelao, Sempre en Galiza).

Un 7 de xaneiro de 1950, van alá 71 anos, morría en Bos Aires Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, a figura que, de xeito indiscutible, é símbolo para o nacionalismo galego, o pai de Patria. Pero Castelao é moito máis que iso porque a súa obra debe ser o alicerce sobre o que erixir a Galiza que queremos, dona de si, dos seus recursos, do seu futuro para poder ser casa que dá acubillo e abrigo a todas as galegas e galegos.

O seu Sempre en Galiza pode/debe servirnos para ese diálogo imprescindible coa memoria e o recoñecemento, para construír os novos tempos, esa mirada que cómpre sobre o pasado para coas forzas e vontades actuais construír a Galiza do futuro. Esa relectura de Sempre en Galiza faise vital para comezar unha viaxe que nos encha de esperanza, para ser capaces de fraguar un proxecto común de futuro. É certo que cómpre un diálogo constante coa modernidade para avanzar, mais tamén é certo que é aí onde os alicerces que representa a memoria, o saber do pretérito para coñecer/recoñecer o país se fai imprescindible.

Fuxide sempre dos parvos... Desde Risco e o seu “ser diferente é ser existente” ou Seoane e “queremos axudar a enriquecer o mundo coa nosa diferenza” até ese pensamento e acción de insubmisión e rebeldía fronte a quen quere de nós a asimilación que sería absorción, vampirismo e morte. Cómprenos fortaleza fronte aos incapaces e voz alta e forte para quen mira constantemente cara a Madrid, para quen cre que non ten importancia que a RTVG faga entrevistas en español ou nas badaladas de fin de ano nesa canle nos ensinen que pasa na Porta do Sol ou se diga que se non apoias os orzamentos máis progresistas do Estado (aínda que para Galiza sexan nefastos) es de dereitas e estás contra o progreso.

E se algún parvo chega a ser autoridade... Padecemos un Goberno galego incapaz e antigalego que non escoita as persoas, que goberna contra os galegos e as galegas, contra a xente da cultura, contra as persoas maiores, contra as profesionais sanitarias, contra os mariñeiros, contra a lingua galega... por iso é a hora de reaxir. Temos a certeza de que necesitamos traballar xuntas para esixir e facer, para reivindicar e traballar, para estar nas rúas, mais tamén en todos os lugares, na fábrica e no instituto, na costa e no interior, no rural e no urbano... construíndo xuntas unha economía baseada na ciencia, na investigación e nos nosos sectores produtivos. 

Cómpre poñernos en marcha recollendo tamén esa idea que podemos ver escrita en calquera parede “Se camiñas só/soa irás máis rápido, se camiñas acompañada chegarás máis lonxe”. E este país noso precisa chegar lonxe porque ten a riqueza necesaria para dar de comer ás galegas e galegos, ás que estamos aquí e ás que tiveron que emigrar. Só precisa ser dono do seu presente, só precisa non trabucarse en construír o seu futuro con coraxe e traballo como este pobo sabe facelo... blindando os servizos públicos, creando emprego de calidade, defendendo os intereses da frota pesqueira galega, apostando polo comercio e pola industria, esixindo a xestión directa dos fondos europeos, poñendo en marcha políticas efectivas de igualdade, impulsando políticas de apoio á nosa lingua e á nosa cultura...

Comeza un ano novo con novas forzas e bravura. E así ten que ser o valor e esforzo, a coraxe, que precisamos para esta viaxe. Dicía Xabier P. Docampo “deus nos dea rabia que paciencia xa nos sobra”. Rematou o tempo da resignación, de transixir, de contemporizar: é o tempo da fortaleza e a coraxe e si, tamén da carraxe se fai falta. 
E se comezabamos con Castelao, con el rematamos para sumar unha idea final para estes tempo que non poden ser de apandar: "Non lle poñades chatas á obra namentras non se remata. O que pense que vai mal que traballe n´ela; hai sitio para todos." Así, entre todas e todos, gañaremos o futuro.
 

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios