Opinión

Celta, soño ou realidade?

As resacas sempre son duras, sexan de viño, de cervexa ou de mosto.

As resacas sempre son duras, sexan de viño, de cervexa ou de mosto. Normalmente son duras porque son a consecuencias de festas, celebración e momentos de ledicia máxima nos que o corpo nos pide calquera líquido virtuoso para regar as gorxas secas de tanto berrar. O pasado mércores en Balaídos, face o Barcelona, non quedou unha alma que non acabase o partido rouca e sen voz. Moito me parece que algún tivera voz despois da exhibición de fútbol e poderío nun terreo de xogo que o Celta fixo en 90 minutos impecables. Non hai peros. Nin un só reproche a un equipo que nos devolveu por unhas horas as noites marabillosas en Europa cando o Celta dos Mostovoi & cía se paseaba por Europa coa tranquilidade de saber que, fixera o que fixera, o equipo nunca defraudaba. Nin sequera nas derrotas. O mércores o Celta veu confirmar rotundamente o seu fútbol perfecto de precisión que xa esbozara en Sevilla o domingo. E veu, ademais, confirmar que non pensa renunciar nin un chisco ao seu estilo de xogo, sexa cal sexa o equipo que teña diante. Pero como en toda festa rachada, ao Celta tamén lle tocou baixar ao mundo dos mortais. O domingo en Ipurua a resaca baixou de golpe ao darnos de conta da verdadeira competición e de que, aínda que ás veces as cousas son perfectas, a realidade empéñase en espertarnos de súpeto na mellor parte do soño.

"A alarma que fixo que o Celta despertara de súpeto soou a iso das 22:07 do sábado, hora de Eibar"

A alarma que fixo que o Celta despertara de súpeto soou a iso das 22:07 do sábado, hora de Eibar. Entón, o equipo deuse de conta de que as lagañas non lle estaban deixando ver a realidade e que o Eibar, como era previsible, non lle ía poñer as cousas fáciles. Así e todo o Celta, cuns cantos pesos pesados no banquiño, foi quen de non rendirse e abandonou o letargo para traballar arreo e buscar incesantemente un gol que chegou dun dos nomes propios da semana, Iago Aspas. Confeso que pensei que a volta de Aspas a Vigo ía ser máis 'tímida' e que lle ía costar máis voltar a estar na cúspide futbolística. Cada semana estame a dar argumentos de sobra para confirmar que estaba maís que equivocada. O gol fronte ao Eibar pechou unha semana para enmarcar no que de Moaña lle marcou dos goles ao Barcelona de 'crack', deixando no máis profundo dos ridículos a xogadores experimentados como Pique ou Alves.

"Confeso que pensei que a volta de Aspas a Vigo ía ser máis 'tímida' e que lle ía costar máis voltar a estar na cúspide futbolística"

Pasada a semana (case) redonda, agora que? Preguntámonos todos. Presentou o Celta definitivamente a súa candidatura a xogar en Europa a vindeira tempada? Canto ten de real a clasificación tal e como a vemos agora? Moitas son as preguntas e infinitas as respostas, tantas como afeccionados hai ao fútbol. O único securo é que o Celta este ano, por moito que nos empeñemos, ten que loitar por xogar a vinceira tempada en Europa, por equipo, por ilusión e por lóxica: dous anos seguidos quedando de oitavos piden a berros un paso cara diante decidido e sen medos. Agora só queda crelo.

Comentarios