Opinión

Tecer e destecer

Admito que o mito de Penélope dende sempre me resultou bastante irritante. Ademais do tropo da espera por un home está o asunto de tecer e destecer. Será, se cadra, porque moitas veces na vida teño esa sensación, a de que algunhas tecemos para que outrxs destezan. Cando as que destecen son outras mulleres, a cousa cobra dimensións que me provocan enfado adicional. As feministas sabemos, claro está, que as mulleres somos as primeiras aleccionadas no patriarcado porque se supón que temos que reproducilo nas nosas funcións tradicionais e que o camiño non é recto, todas estamos en proceso. Mais cando as que se poñen do lado do agresor son outras mulleres, especialmente autodenominadas feministas, estes e as súas estruturas utilízanas para seguir atacando a outras, no discursivo e no físico. 

Pensaba nisto estes días ao fío do que acontece con Rocío Carrasco, coa desaparición das menores en Tenerife, con cada caso que se destapa de abusos sexuais (nunha semana saíron á luz os abusos cometidos nos Maristas de Vigo e o caso da nena autista que puido expresarse só por un debuxo). Parece que algunhas reviran a palabra feminista, coma Penélope, tanto para tecer coma para destecer á contra. Fronte a tecer acubillo para as vítimas e destecer as estruturas que provocan a violencia, atopamos cómplices con cartel que seguen poñendo no espazo público declaracións, ficcións e imaxes nas que se afonda nos estereotipos da menor mentireira, das mulleres que "enredan" e "lles buscan a ruína aos homes" e das non hexemónicas (por raza, clase, orientación sexual, identidade de xénero, etc.) como irrelevantes. Aínda por riba, semella que non se poida realizar unha crítica das estruturas que fomentan e que non as afectan só a elas.

Mais a crítica é fundamental porque, mentres que Penélope tecía e destecía ela soa, aquí semella que unhas tecemos e temos que observar silenciosamente como outras destecen so o argumento de que xa están os homes para criticarnos; coma se criticar posturas públicas, textos ou comportamentos entre mulleres fose unha deslealdade e non a constatación de visións éticas e políticas contrapostas. Sen ir máis lonxe, non podemos calar ante o fracaso colectivo de que se sigan publicando -e mesmo premiando- textos que caen nos estereotipos máis nocivos con respecto á violencia porque os escribiu unha muller. Coma se xa non chegase con todos os deles, dende Homero ata hoxe.

Comentarios