Opinión

Sen alento

Había moito tempo que unha experiencia visual de ficción non me deixaba tan sen alento, tal cal as súas protagonistas perden o alento e respiran fondo para dar a luz unha historia que precisa ser compartida. O Corno de Jaione Camborda non pode ser descrita máis que coma iso, coma unha experiencia visual. Por suposto, tamén é unha película, cunha trama con todos os elementos para manternos coa intriga do que vai acontecer, de que pasos dará a seguir a súa protagonista, María, encarnada por unha Janet Novás que traspasa a pantalla en cada fotograma.

Mais O Corno transcende con moito a súa trama, da que tentarei falar o mínimo posible. É unha experiencia íntima na que os corpos das mulleres din moito máis ca as súas palabras, sendo estas fundamentais. É esta unha fita de mulleres que se dan a man en momentos de (a)luz e de escuridade, de mulleres que renacen, que escollen por si e para si a liberdade coa axuda das demais en contextos históricos nos que as opcións eran sumamente limitadas. Cada personaxe feminino que se nos presenta contribúe á tensión e á liberdade das escollas alleas, abrindo portas coma ríos dende o lugar que máis a miúdo se constrúe como atrasado: a(s) aldea(s).

Nese sentido, lonxe da mirada dos homes e dos estereotipos urbanos e foráneos, os corpos das mulleres cobran miles de formas. Non esquecen a explotación nin as diferentes posicións nas que cada unha se atopa, pois é esta unha película que nos trae con pericia a presenza das mulleres negras, das nenas xordas, das vellas, das que traspasan as fronteiras.

Porque diso trata esta película marabillosa, de traspasar as fronteiras alasando e contendo o alento. Mulleres que atravesan o río, ese grande esquecido do noso imaxinario, que acolleu en exilios ben afastado do relato dos homes e das mulleres que os acompañaron, un río que fala da sabedoría dos corpos e en feminino.

E fai todo iso sendo leal ao contexto lingüístico no que transcorre, que é a clave para transcender calquera fronteira, sobre todo a do prexuízo, e seguirnos deixando sen alento. Como sociedade precisamos máis historias que nos relaten con dignidade, lingüística e de xénero, que saiban escoller a quen poñen no centro do relato. Porque Galicia está chea de Marías con historias que contar para deixarnos sen alento, para darnos orgullo e esperanza e precisamos moitas máis Cambordas para contalas, das que, por sorte, tampouco estamos escasas.

Comentarios