Opinión

Sempre despois

Os lamentos. Despois. Interrogar, especular, desculpar, minorizar... todos traballos do despois. A posteriori analízase o antes. Do que nunca se fala é do DURANTE.

Segundo os últimos datos, 4.000 mulleres viven cunha orde de afastamento en Galicia. Iso quere dicir que 4.000 homes cometeron actos de tal gravidade que o sistema xudicial consentiu, con reticencias, con necesidade de probas firmes e avaliacións febles, a indicar amablemente a estes señores que deixasen en paz ás súas ex parellas, veciñas, compañeiras de traballo. Mulleres. Poucas veces eses señores están debidamente fiscalizados para saber que non reinciden. Xa non digamos nada dos que acosan por internet, que aí xa pode ir unha coa pistola fumegando que nunca nada se fará. Tampouco dos que ensinan a pixa pola rúa a nenas para asustalas, os que fan que pican mozas en concertos para provocarlles estado de pánico, os da palmada no cu, os de tocar as tetas, os de dicirche, pola risa, que te van abrir en canal, os que te perseguen porque están "namorados", os que miran polas portas dos baños para que entendas que a privacidade nunca é un dereito para o teu corpo. Deses, xa non imos agardar protección que non sexa a nosa. A que cada unha desenvolva por si mesma como poida e a que nos damos as unhas ás outras.

Mais das mulleres, como a asasinada en Oia por Víctor G.D. (que axiña sabemos os nomes delas e que tarde os deles, non?), o sistema xudicial, a sociedade, sabe do antes e do despois. Mais non quere pensar no durante. Na vida con medo elevado á máxima potencia. Saír á rúa sempre mirando á volta das esquinas. Un estado de excepción permanente que a ninguén parece preocupar, un coche parado todo día á espreita, un home que "molesta", cousas miúdas do día a día. Non preocupa nin cando nos asasinan.

Entrementres, as mulleres vivimos cada día no DURANTE. O durante é o espazo-tempo no que actuar. Porque cando chegamos ao despois, agora xa foi Marica non chores. Tarde piaches. Éche o que hai. No despois só a ira que debe levarnos a esixir outras medidas, outras responsabilidades (para empezar, deixar de dar espazo a partidos coma o PP e aliados de extrema dereita que defenden que a violencia de xénero non existe: a violencia de xénero son eles antes, despois e durante). Non hai desculpas: a violencia de xénero é o sistema que cada día pon na man dun agresor a autoridade para matar unha muller. Poñerlle fin é cousa do XA.

Comentarios