Opinión

A responsabilidade como revolución

O ensino público e gratuíto é a ferramenta de democratización máis importante que temos. Nin a escola nin os institutos son "aparcadoiros", senón espazos fundamentais de convivencia no que as persoas adultas que os habitan teñen unha enorme responsabilidade. Esixir unhas ratios de alumnado correctas, a atención a diversidade nas aulas e maior capacidade para EDUCAR fronte a burocracias son cuestións que toda a sociedade debería apoiar.

Como en calquera sector, porén, sempre hai xente que asume a súa responsabilidade e outra que simplemente quere cubrir horas. Na educación, esta cuestión marca a vida das persoas. É por iso que sociedade e docentes debemos traballar man a man.

Neste contexto, gustaríame deter a ollada na docencia de galego. Calquera pode ver a diferenza que implica que o profesorado transmita o elo xeracional que por desgraza moitas menores xa non adquiren nas súas familias e no resto da comunidade. É unha responsabilidade enorme que, por suposto, non teñen outras materias. Mais esa responsabilidade é revolucionaria. Calquera inmobilismo, calquera conflitividade, calquera negativa de aproveitar as oportunidades, estean onde estean, de facer do galego unha parte vital para as adolescentes, é un fracaso de toda a sociedade.

Nese marco, admito que me sorprendeu unha certa polémica recente ao redor de que as probas da ABAU se centrasen no coñecemento do galego despois da súa oficialización. Por máis que tentei verlle o escándalo, nun espírito de responsabilidade e compromiso co idioma, non llo atopo. Imaxino que, se estamos falando do último curso do ensino secundario non obrigatorio, o alumnado debería de ter xa un coñecemento básico da historia da lingua que lle permita centrarse neste punto nas variedades dialectais, nas relacións co portugués, na lectura autónoma de literatura contemporánea, tal e como se indica no decreto correspondente. Explicar o galego de 1981 é tamén falar da represión lingüística, de como se chegou á norma, dunha morea de cousas que, asumo, son a responsabilidade das docentes.

O que está claro é que, en calquera espazo, a comodidade é a maior inimiga de calquera revolución. E se algo precisamos é unha revolución na docencia e na conexión entre a xente nova e a lingua galega. Por suposto que non é responsabilidade exclusiva do ensino, pero sen ensino responsable perdemos calquera oportunidade de manter a lingua viva.

Comentarios