Opinión

Redimensionar

Estamos ás portas do 8M e como todos os anos as convocatorias e accións multiplícanse ao noso arredor. É certo que este é un ano particular, coa limitación de ocupación da vía pública que tanto parece preocupar no caso das mulleres e tan pouco no doutros colectivos varios. Este ano máis que nunca semella que o virtual é o espazo onde temos que desenvolver as nosas accións.

Porén, xa antes da pandemia, ás veces como sociedade comezamos a esquecer que as cousas non pasan no Twitter nin no Instagram, senón sobre todo fóra. É certo que as redes sociais son espazos importantes de activismo, pero só teñen sentido se están conectados coa realidade “exterior”. No 8M lembramos que todo recuncho, é un espazo de activismo porque as violencias patriarcais, racistas, lesbófobas, tránsfobas están en cada recanto das nosas vidas. Así, dende o fogar ás rúas, aos negocios, aos sindicatos, á literatura, a acción feminista é necesaria a cada paso. O 8M é un día para estarmos unidas de todos os xeitos posibles, para reclamar, este ano máis ca nunca, a importancia dos coidados.

Porén, igual que cómpre redimensionar a relevancia das redes sociais, tamén cómpre debater cun mínimo de seriedade o concepto dos coidados. Nesta altura comezo a estar algo farta de escoitar falar deles coma se fose algo que se dese por sentado, coma se fose algo que puidese comezar por algún lugar que non fósemos as propias mulleres. Cando nosoutras pedimos máis tempo propio, a apropiación capitalista semella darnos como resposta tempo para ir mercar, facer as unllas ou a un spa, a miúdo a costa dos traballos doutras en peor posición (traballadoras máis precarias, coidadoras racializadas, labregas con xornadas infinitas). O coidado só pode existir cando se retiran as condicións que o converten nunha escravitude para as mulleres, cando como sociedade nos unimos para producir condicións de traballo dignas, unhas estruturas que nos permitan descansar e gozar do noso tempo. Mentres o coidado non se socialice, non sairá do marco mártir que tanto lle gusta ao patriarcado para as mulleres. Tampouco podemos concibir un coidado que se faga a costa doutras, sexa das limpadoras ou das compañeiras do sur que tecen a roupa que se nos vende.

Redimensionar a protesta e os espazos, as rúas, os fogares e os coidados, implica sempre devolver os traballos ao cotián e ao colectivo que son, como sempre defendo, o máis político dos espazos.

Comentarios