Opinión

Realidade paralela

Estamos na semana das eleccións ao goberno do estado español e sempre que se achega un proceso deste tipo insisto en facer un certo balance vivencial, por se acaso os motivos de convencemento non chegasen. É aí cando boto un chisco a vista atrás e me pregunto cal pode ser o motivo para que, segundo indican as enquisas, a xente vaia votar maioritariamente á dereita de Feijóo (e aos seus aliados da extrema dereita) nas próximas eleccións.

No meu transcurso vital, como traballadora autónoma que habita nunha cidade, sen coche, non sei que melloras se deron na vida doutras persoas cos gobernos do PP, mais na miña podo afirmar que ningunha. Dende que entrei na idade adulta, os gobernos do PP na Xunta de Galicia, no estado e a nivel municipal, fixeron todo o contrario do que unha cidadá de a pé, xa non digo aquelas que están en ben peor situación ca a miña, podería agardar.

Só algúns exemplos: cando cheguei a Vigo no ano 93, ir ao médico consistía en pedir cita o día anterior (indo ao centro de saúde ou por teléfono fixo dende unha cabina) e tela para o día seguinte. Desapareceron as Caixas galegas non só con escándalo, senón con estafas das que aínda moitas familias se están recuperando. Xa non digamos do que desapareceu despois do goberno do bipartito, dende a creación de redes de centros de ensaio, o concurso dos eólicos ata o apoio a redes sociais fortes no territorio.

Xa que dicir podo do monopolio de Monbus, da desaparición de vías alternativas e do inferno no que viven as compañeiras dos sectores primarios. Co PP a culpa sempre é doutros. E efectivamente éo, dos mesmos que entran polas portas xiratorias, dos que teñen intereses en empresas enerxéticas, conglomerados de saúde. No carto, resumindo.

É impresionante como a realidade que experimentamos os corpos, esa na que a nosa vida empeora, pode ter menos forza ca a realidade paralela que crean os partidos da dereita, onde os inimigos son outros (as persoas migrantes, as trans, as feministas, os gais, Chávez que xa morreu, a ETA que tamén pero resucita...).

Acaban dominando o debate falando de Correos, de mentiras e verdades nun mundo no que inventar é máis poderoso ca o fenomenolóxico. Nas marxes desa realidade quedamos todas nós. Por iso, fronte á súa realidade paralela cómpre máis que nunca partir da nosa para estarmos no mundo e comezar co voto activo contra aqueles aos que lles interesa que todo siga mal, peor.

Comentarios