Opinión

Prestar atención

A miúdo observamos comportamentos ao noso arredor que non sabemos como encamiñar. En particular, no caso das mulleres, adoita ser habitual que, por socialización adquirida, tendamos a prestar máis atención ao que nos rodea no espazo público. Á maioría, rara vez nos pasa desapercibido o home que está berrando a unha muller, ou a rapaza que regresa no tren, bébeda, con dous rapaces que non a deixan en paz, ou o xefe que rifa a unha empregada.

Con frecuencia, o traballo dos feminismos consiste en que estas alertas non sexan só dunhas poucas, senón colectivas. Que como sociedade prestemos máis atención a certos comportamentos normalizados.

O seguinte paso, o de intervir, resulta aínda máis complicado. A miúdo as persoas ou se paralizan ou carecen de recursos para tomar cartas en situacións que, ao contrario do que tan ben o patriarcado nos ensinou, non son privadas, senón públicas e políticas no sentido de que nos afectan como sociedade. Ese paso, porén, é o garante dun cambio e un proceso delicado no que queda moito por traballar.

Cando é contraproducente chamar a policía (por exemplo, cando as persoas implicadas son racializadas non é o paso máis recomendable, quitando que falemos dunha agresión física ou sexual, claro)? Que debemos facer para contrarrestar un agresor sen poñer máis en perigo á vítima? Implicarse significa tamén perder a paz propia (momentaneamente na maioría dos casos) para preservar a allea, cambiar o "isto comigo non vai" por "está esta persoa segura?".

A semana pasada, nun tren portugués, un home camiñaba polo vagón cunha meniña duns tres ou catro anos cun comportamento errático. Cando sentou xusto detrás do meu asento, chamou incesante a unha muller nunha conversa que non se desenvolveu nun ton "alterado", mais o contido ("como me podes facer isto?", "como me dis que me vas deixar de portas para fóra?", "tranquilízate", etc.) daba a entender un conflito do que era complicado saber a dimensión.

Cando lle pediu o teléfono ao rapaz que ía ao meu carón, este preguntoulle primeiro pola nena e, tras asegurarse de que estaba ben, comezou a mirarme: "Non sei que facer", murmurou. Díxenlle que cando lle devolvese o móbil, mandase unha mensaxe á muller. Esta confirmou que a nena era a súa filla e que este era o pai que a traía de volta á casa. Mais podía non ser así. Polo momento abondaba, mais oxalá alguén, ao baixar do tren, seguise prestando atención.

Comentarios