Opinión

A posibilidade de respirar

Esta pasada fin de semana tiven a oportunidade de asistir na Coruña ao congreso organizado pola Rede Galega de Estudos Queer. É sempre un pracer atopar espazos de encontro, para analizar as nosas propias historias, pensares e prácticas en conexión con outras. Foi sen dúbida un evento que nos deu espazo para respirar e dos que cómpre celebrar.

Sempre que asisto a congresos deste tipo, reafírmome na importancia de falar dende a marxe que constitúe o galego como a posibilidade dunha visión máis complexa e artellada do mundo, un xermolo para transformalo dende a súa raíz. Nese sentido, non se entende un pensamento e práctica queer desenvolta aquí en castelán ou inglés, ou con referentes exclusivamente foráneos. Séntese aí o abafo da hexemonía.

O congreso serviu tamén de espazo para visibilizar certas incoherencias que cómpre endereitar: por exemplo, falar do queer con linguaxe que non considera as estruturas de poder, e non falo só aquí de certas figuras que se expresan en masculino totalizador, senón tamén de ignorar que, como defende Brigitte Vasallo, a linguaxe nunca é neutra. Así, cando buscamos solucións inclusivas non debemos esquecer a necesidade de visibilización das invisibles, comezando polas mulleres (todas) e identidades non binarias. Cómpre ter tino con ficar só en solucións de desinencias e pronomes e esquecer que se nunha imaxe hai vinte mulleres e un home, dicir todes é igual de problemático que dicir todos.

Foron moitos os temas tratados e houbo espazo tamén para a poesía e a música, para o teatro, para convivir e respirarmos persoas para as cales isto non é algo que non podemos dar por sentado. Porque, como ben di e autore non binarie Lann Horscheidt en Desamarmos o capitalismo, o ensaio que acabo de traducir para Catro Ventos editora, "ter privilexio significa, traspoñendo, considerar respirar como posibilidade xeral, tan xeral que xa nin se formula. se cadra como persoa ex énero non teño dereito a respirar, (... ) se cadra non o merezo e é mellor que conteña a respiración e que nalgún momento deixe de respirar en certos lugares". Por iso é tan importante atopar lugares onde o aire flúe para todas as persoas, onde se pode falar, dialogar e estar en acordo ou en desacordo, mais dende o principio básico de que todes temos dereito a respirar e vivir, que diría Hornscheidt, en "ventos desatados de treboada", libres, con recoñecemento e dereitos.

Comentarios