Opinión

Os custes laborais

Esta fin de semana, na marabillosa Festa dos libros de Pontevedra, Eva Mejuto preguntaba pola exposición pública de quen nos posicionamos en certos temas que desatan odio. A semana pasada, sen ir máis lonxe, houbo quen me chamou “acunapenes”, que aínda non entendo moi ben en que consiste esa actividade, por defender que as mulleres trans son seres humanos con plenos dereitos en todos os campos da vida.

No fondo destes e doutros ataques está a percepción por parte de quen ten poder no espazo que sexa, de que vai quedar sen el. É paradoxal esta actitude en certos lugares, coma os movementos sociais, porque cando só defendes dereitos porque ti individualmente te vas beneficiar deles, mal andamos. Cando só queres que haxa mulleres en certos espazos para estares ti, cando só che valen algunhas mulleres e non todas, cando defendes a ecoloxía pero non reparas na explotación das poboacións do sur, cando falas de igualdade salarial pero non pensas nas compañeiras que arriscan a vida no Mediterráneo, cando queres quitar pronomes sen pensar a quen invisibilizas... entón a cousa non vai ben.

Falar por falar, falar en beneficio propio e dende un certo poder é sempre doado. O que non é doado é poñer o corpo polo ben propio e alleo. O que non é doado é, sen ir máis lonxe, abrir a boca para esixir un trato digno ou un salario digno. Penso agora nos dereitos laborais, dos que tanto se fala e con frecuencia tan mal. Estes días, o sector do metal maniféstase en Vigo polos seus dereitos, mais tamén no día a día somos moitas as que nos negamos a establecer relacións laborais inxustas. E pagamos as consecuencias.

Hai anos, outro intérprete e mais eu preguntamos a unha axencia por que cobraban os nosos desprazamentos e comida ao cliente e logo nos nolos remuneraban. Non nos volveron chamar. Na vida literaria, reclamar o recoñecemento da autoría ou un contrato, pode levar a que prescindan de ti. Estes días, unha certa academia de inglés de corte “divertido” expedienta dúas persoas por reclamar que non se degraden os salarios e se precarice o emprego.

É aí, cando che vai o corpo, cando conta o compromiso. Mais ninguén debería ser mártir polo seu pan. É aí, cando as persoas precisan máis apoio, tanto no emocional coma no material. A aperta de respecto, o entendemento e o respiro (ás veces tamén no económico, porque quedar na rúa non é só doloroso, é perder o carto) que todas lles debemos.

Comentarios